A Fundación Naturgy acorda con Accem a rehabilitación enerxética de fogares de familias en risco de exclusión social

  • Con esta nova colaboración, xa son seis as entidades sociais que poderán beneficiarse do Fondo Solidario de Rehabilitación Enerxética da Fundación Naturgy para mellorar a habitabilidade e eficiencia enerxética de vivendas de familias vulnerables.
  • A iniciativa, enmarcada no Plan de Vulnerabilidade Enerxética de Naturgy, segue as directrices da Estratexia Nacional contra a Pobreza Enerxética 2019-2024.

A Fundación Naturgy e Accem colaborarán para mellorar a eficiencia enerxética de fogares de familias que se encontran en risco de exclusión social e que son atendidas pola ONG. Grazas aos recursos do Fondo Solidario de Rehabilitación Enerxética da fundación da empresa enerxética, poderanse realizar actuacións nunha quincena de vivendas.

A directora xeral da Fundación Naturgy, María Eugenia Coronado, explicou que “grazas á ampliación das liñas de colaboración que mantemos coas Administracións e as entidades do terceiro sector, reforzamos a actividade do noso Fondo Solidario de Rehabilitación Enerxética, co que queremos contribuír á loita contra a pobreza enerxética.”

O convenio súmase aos xa asinados con outras entidades sociais (Foment de l'Habitatge Social, Hábitat 3, Fundación para la Caridad de la Construcción, de Cáritas, Fundación Mambré e Fundación Tengo Hogar), que xa teñen acceso ao Fondo Solidario de Rehabilitación Enerxética para realizar intervencións en materia de rehabilitación, equipamento e eficiencia nos pisos que xestionan.

Este novo acordo permitirá seguir acometendo actuacións segundo as directrices do estudo “Re-habilitación exprés para fogares vulnerables”. Esta publicación, patrocinada pola Fundación Naturgy, promove a mellora da eficiencia enerxética nos fogares vulnerables, a custos baixos, pero cun grande impacto, tanto na calidade de vida das persoas coma na factura enerxética das familias. Entre as medidas que establece, inclúense a reparación e compra de sistemas de calefacción e cerramentos en ventás e acristalamentos, o arranxo e posta en marcha de instalacións de electricidade e gas, e todo aquilo que mellore a eficiencia enerxética dos fogares, en xeral.

O convenio con Accem segue a liña de actuación coa Estratexia Nacional contra a Pobreza Enerxética 2019-2024, que establece a rehabilitación enerxética de vivendas como unha das medidas a curto, medio e longo prazo, para abordar esta problemática de forma estrutural. Así mesmo, englóbase dentro do Plan de Vulnerabilidade Enerxética de Naturgy, que se marca como obxectivos a mellora da calidade de vida dos colectivos afectados pola pobreza enerxética e o seu asesoramento en temas relacionados co consumo de enerxía ou o pagamento de servizos enerxéticos.

A Fundación Naturgy, fundada no ano 1992 pola compañía enerxética, ten como misión a difusión, formación, información e sensibilización da sociedade en temas de enerxía e medio ambiente. Tamén desenvolve programas de acción social tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética.

Accem éunha organización sen ánimo de lucro, cuxa misión é a defensa dos dereitos fundamentais, a atención e o acompañamento ás persoas que se encontran en situación ou risco de exclusión social, buscando a integración e autonomía dentro da sociedade e fomentando a solidariedade. Accem ten ámbito estatal e actúa en 12 comunidades autónomas, ademais de en Ceuta e Melilla, e ten o recoñecemento de entidade de utilidade pública.

Ámbito e tema: España, Fundación Naturgy

 

Madrid, 16 de maio de 2019

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para personalizar a túa navegación e analizar a túa actividade no web, con obxectivos estatísticos e para mostrar publicidade. Se continúas navegando, consideramos que aceptas o seu uso.