A Fundación Naturgy e Cruz Vermella ensinan a familias vulnerables de Alacant como facer consumo eficiente e reducir a súa factura enerxética


  • Dende principios de ano, máis de 150 persoas asistiron ás sesións que a Escola de Enerxía da fundación enerxética realiza na sede de Cruz Vermella en Alacant.
  • As próximas sesións están previstas para o 5, 10, 12 e 19 de xuño.


A Fundación Naturgy e Cruz Vermella en Alacant formaron xa máis de 150 familias en situación de vulnerabilidade enerxética, para mellorar os seus hábitos de consumo e poder reducir así a súa factura enerxética. Dende xaneiro, a Escola de Enerxía da Fundación Naturgy realizou 18 sesións formativas na sede de Cruz Vermella en Alacant, e nos próximos meses está previsto que se fagan outras 11 sesións.

As formacións deste mes de xuño serán hoxe, día 5 de xuño, e os días 10, 12 e 19. O obxectivo é ofrecer pautas ás familias vulnerables para realizar un consumo enerxético máis eficiente, reducindo o importe da súa factura sen perder as condicións de confort no fogar.

Nas sesións da Escola de Enerxía trabállanse temas relacionados coa eficiencia enerxética ou a optimización de facturas. Tamén se identifica quen pode ter acceso ao bono social, e se lles axuda a solicitalo. “O que buscamos é empoderar as persoas máis vulnerables, para que poidan minimizar o impacto do custo enerxético aplicando as medidas e consellos explicados nos talleres,” afirma Ester Sevilla, directora da área de Proxectos Sociais e Internacional da Fundación Naturgy.

A Escola de Enerxía é un proxecto da Fundación Naturgy, que está enmarcado dentro do Plan de Vulnerabilidade Enerxética de Naturgy. María Eugenia Coronado, directora xeral da Fundación Naturgy, salienta a alianza que manteñen con administracións e con entidades sociais para levala a cabo: “Esta iniciativa é posible grazas á colaboración duns experimentados compañeiros de viaxe como Cruz Vermella, e de Administracións públicas e outras entidades, que fan un gran labor en municipios de toda España.”

Dende a súa posta en marcha en xuño de 2017, a Escola de Enerxía formou máis de 15.500 persoas en toda España, entre familias en situación de vulnerabilidade enerxética e técnicos do terceiro sector e da Administración.

A Fundación Naturgy e o Plan de Vulnerabilidade Enerxética

O Plan de Vulnerabilidade Enerxética de Naturgy é o primeiro desenvolvido por unha empresa enerxética española e data de 2017. O programa inclúe máis de 20 medidas, tanto operativas coma sociais, que teñen como obxectivo reforzar e sistematizar a xestión dos clientes vulnerables e fortalecer a colaboración coas entidades do terceiro sector e a comunicación cos Servizos Sociais.

A Fundación Naturgy, fundada no ano 1992, ten como misión a difusión, formación, información e sensibilización da sociedade en temas de enerxía e ambiente. Tamén desenvolve programas de acción social tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética.

Ámbito e tema:  España   Fundación Naturgy 
Alacant, 5 de xuño de 2019.

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para personalizar a túa navegación e analizar a túa actividade no web, con obxectivos estatísticos e para mostrar publicidade. Se continúas navegando, consideramos que aceptas o seu uso.