A Xunta de Naturgy aprobou os resultados do exercicio e avalou os cambios no Consello de Administración

 
  • O presidente Francisco Reynés presidiu a súa primeira Xunta Xeral de Accionistas, na que a compañía obtivo un amplo respaldo dos seus accionistas á xestión do exercicio 2017 nun ámbito macroeconómico cambiante a nivel internacional.
  • A Xunta Xeral aprobou un dividendo total en efectivo de un euro por acción con cargo aos resultados de 2017. O vindeiro día 5 de xullo aboarase en efectivo o dividendo complementario de 0,67 euros por acción.
  • Os accionistas avalaron a modificación dos estatutos sociais co obxectivo de simplificar o goberno corporativo e incluír melloras técnicas que contribúan a facer máis eficientes as estruturas da compañía.
  • A Xunta Xeral ratificou os nomeamentos de Francisco Reynés como conselleiro executivo, de Javier de Jaime (Rioja Bidco Shareholdings), e de José Antonio Torre de Silva (Theatre Directorship Service Beta) como conselleiros dominicais; e de Pedro Sainz de Baranda e Claudio Santiago, ambos os dous como independentes. Así mesmo, aprobou a reelección como conselleiros independentes de Ramón Adell e Francisco Belil.
  • A compañía presentoulles aos seus accionistas a súa nova marca, Naturgy, así como a súa nova identidade corporativa, coa que busca facer máis sinxela a relación cos clientes nun ámbito cada vez máis global e dixitalizado.
  • Mañá en Londres a compañía presentaralles aos investidores o seu Plan Estratéxico 2018-2022 que porá o foco na creación de valor e nunha política de remuneración atractiva ao accionista, salientando a sinxeleza, transparencia e “accountability”, entre outras liñas de actuación.
 

O presidente executivo de Naturgy, Francisco Reynés, presidiu hoxe a súa primeira Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas da compañía, dende que foi nomeado o pasado mes de febreiro, e que tivo lugar hoxe en Madrid.

Os accionistas da compañía aprobaron unha remuneración total, a cargo dos resultados de 2017, de 1.001 millóns de euros, tal e como recollía o seu anterior Plan Estratéxico. Esta cifra implica o pagamento en efectivo de un euro por acción. A compañía pagará en efectivo o vindeiro 5 de xullo o dividendo complementario (0,67 euros por acción). O pasado mes de setembro xa aboou o dividendo a conta de 0,33 euros por acción en efectivo.

Durante a súa intervención ante os accionistas, Francisco Reynés, destacou “a evolución da compañía nos últimos anos para transformarnos nunha empresa enerxética líder a nivel global e encarar o futuro dende unha posición de fortaleza”.

O presidente da compañía repasou os principais fitos financeiros do exercicio e incidiu no beneficio neto de 1.360 millóns de euros que rexistrou en 2017, superando o ano anterior e cumprindo o marcado polo Plan Estratéxico ata agora vixente.

O EBITDA do pasado exercicio foi 3.915 millóns de euros (-16,1 %) que recolleu o bo comportamento do negocio de infraestruturas contrarrestado polas dificultades no negocio de gas e electricidade, especialmente en España.

A política financeira equilibrada permitiu situar o nivel de endebedamento nun 45,3 % mentres o custo da débeda descendeu nun ano do 4,3 % ao 3,5 %, un significativo descenso de 80 puntos básicos. Durante 2017, emitíronse bonos por 3.100 millóns de euros.

“Quero salientar o bo comportamento da acción durante 2017 cun incremento do valor do 7,5 %, en liña co resto de empresas do Ibex35 e por enriba dos seus comparables na península ibérica, que de media rexistraron un -0,9 %”, lembrou o presidente da compañía.

Francisco Reynés explicoulles aos asistentes á Xunta que a rendibilidade total para o accionista en 2017 foi do 13,1 % fronte ao 4,8 % da media dos seus comparables. “O noso compromiso cunha política de remuneración atractiva para o accionista é firme”, aclarou o presidente durante a súa intervención.

O presidente, durante a xunta, sinalou que no que vai de ano ata maio, e de xeito acumulado, o EBITDA rexistrou un crecemento do 11 % ata acadar os 1.820 millóns de euros, mentres que o beneficio neto acadou os 481 millóns de euros. Ambos os dous medidos en termos recorrentes.

Plan Estratéxico e cambio de marca e identidade corporativa

En canto ao Plan Estratéxico 2018-2022 que se presentará mañá en Londres, Francisco Reynés avanzou os principais eixes transformadores para os próximos anos, baseados na creación de valor, na focalización nos negocios core, así como na simplificación da estrutura societaria e organizativa.

Na parte financeira, as liñas de traballo centraranse na eficiencia e a optimización de Opex, Capex e estrutura de capital. “Estamos dispostos a transformar a compañía focalizando todos os esforzos na creación de valor para os nosos negocios, os nosos accionistas e os nosos clientes”, remarcou Francisco Reynés.

Dentro do novo posicionamento de marca, a compañía presentou hoxe a súa nova marca, Naturgy. Esta nova denominación abranguerá todos os negocios e está enfocada á innovación, a experiencia da compañía e a dixitalización. A nova marca, máis moderna, dixital e global, quere ser representativa da nova etapa que inicia a enerxética co novo Plan Estratéxico.

“A compañía, que este ano cumpre 175 anos de historia, dá un novo impulso para encarar novos retos, estar máis preto dos nosos clientes, máis comprometida co medio e, sen dúbida, para apostar por ofrecer solucións ás necesidades de todos”, explicou Francisco Reynés.

Cambios no conxunto de accionistas e do Consello de Administración

O pasado mes de maio, a sociedade Rioja Bidco Shareholdings, controlada por fondos asesorados por CVC e participada por Corporación Financeira Alba, adquiriu o 20% do capital, ata entón en mans de Repsol.

Anteriormente, en setembro do ano anterior, Global Infrastructure Partners (GIP) entrou no accionariado tras a compra dun 20 % do capital aos dous principais socios da compañía, Criteria Caixa e Repsol, a partes iguais.

Tras a entrada do novo socio CVC, o capital da compañía enerxética queda conformado por Criteria Caixa (24 %), GIP (20 %), CVC (20 %) e Sonatrach (4 %), mentres que o resto queda repartido entre o mercado retail e o institucional.

Goberno corporativo e estrutura organizativa

Como xa avanzou a compañía no mes de maio, someteuse hoxe a votación na Xunta a redución do tamaño do Consello de Administración de 17 a 12 conselleiros en consistencia co obxectivo de simplificación e eficiencia en todo o grupo enerxético. Os accionistas aprobaron a devandita redución, en liña coas principais mellores prácticas internacionais de responsabilidade corporativa e bo goberno.

A principios deste mes de xuño, a empresa definiu unha nova estrutura organizativa coa que se reforzaron e simplificaron as áreas de negocio, así como as corporativas. A nova xestión da compañía dota as unidades de negocio de plena responsabilidade no seu ámbito de actuación, ao mesmo tempo que se adecúa a organización corporativa.

Acordos da Xunta Xeral de Accionistas

A Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas de Naturgy aprobou as contas anuais e o informe de xestión correspondentes ao exercicio 2017. Ademais, os accionistas aprobaron a modificación dos estatutos sociais aos efectos de simplificar a súa redacción e de incluír melloras en materia de goberno corporativo e de carácter técnico.

A Xunta ratificou o nomeamento de Francisco Reynés como conselleiro executivo, de Javier de Jaime Guijarro (Rioja Bidco Shareholdings), e de José Antonio Torre de Silva (Theatre Directorship Service Beta), ambos os dous dominicais, e de Pedro Sainz de Baranda e Claudio Santiago Ponsa, ambos os dous como independentes. Así mesmo, aprobou a reelección dos conselleiros independentes Ramón Adell Ramón e Francisco Belil Creixell.

Así, o Consello de Administración da compañía enerxética queda conformado polos seguintes membros:

Presidente Executivo: D. Francisco Reynés Massanet

Dominicais: D. William Alan Woodburn (GIP); D. Enrique Alcántara-García Irazoqui (Criteria Caixa); D. Marcelino Armenter Vidal (Criteria Caixa); D. Rajaram Rao (GIP); Javier de Jaime Guijarro (Rioja Bidco Shareholdings); José Antonio Torre de Silva (Theatre Directorship Service Beta), D. Javier de Jaime Guijarro (Rioja Bidco Shareholdings).

Independentes: D. Ramón Adell Ramón, D. Francisco Belil Creixell, Dª Helena Herrero Starkie, D. Pedro Sainz de Baranda e D. Claudi Santiago Ponsa.

A Comisión de Auditoría e Control queda conformada polos seguintes conselleiros:

Presidente: D. Francisco Belil.

Vogais: D. Enrique Alcántara, D. José Antonio Torre de Silva, D. Rajaram Rao, D. Ramón Adell, Dña. Helena Herrero e D. Pedro Sainz de Baranda.

Pola súa banda, a Comisión de Nomeamentos e Retribucións estará formada por:

Presidente: D. Ramón Adell Ramón

Vogais: D. Marcelino Armenter Vidal, D. Javier de Jaime Guijarro, D. William Alan Woodburn, D. Francisco Belil Creixel, D. Claudi Santiago Ponsa e D. Pedro Sainz de Baranda.

A Xunta Xeral de Accionistas contou coa asistencia de preto de 1.000 persoas e acadouse un quórum próximo ao 84 %.

O Presidente agradeceulles aos accionistas de referencia e ao Consello de Administración a oportunidade que lle brindaron ao ser nomeado o pasado 6 de febreiro. Así como, tivo unhas especiais palabras de recoñecemento ao labor realizado polo anterior Conselleiro Delegado, Rafael Villaseca, durante os últimos catorce anos á fronte da xestión da compañía, non exento de valentía.

Por último, pronunciou unhas emotivas palabras de afecto e agradecemento cara á figura do que foi presidente da compañía ata a súa chegada, Isidro Fainé, do que destacou a súa xenerosidade á hora de cederlle a testemuña.

Ámbito e tema: CorporaciónXunta Xeral de Accionistas

Madrid, 27 de xuño de 2018

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para personalizar a túa navegación e analizar a túa actividade no web, con obxectivos estatísticos e para mostrar publicidade. Se continúas navegando, consideramos que aceptas o seu uso.