Máis de 20 empresas do sector servizos reciben financiamento de 3 millóns de euros dos fondos FEDER para potenciar a I+D en Cataluña - Naturgy - Sala de prensa

Máis de 20 empresas do sector servizos reciben financiamento de 3 millóns de euros dos fondos FEDER para potenciar a I+D en Cataluña

 

  • Máis de 20 empresas de servizos, tecnolóxicas e organismos de investigación de Cataluña crean a Comunidade RIS3CAT Utilities 4.0 para implantar na sociedade catalá o paradigma industrial 4.0 na prestación dos servizos básicos e recursos.
  • A iniciativa quere impactar de forma real en toda a cidadanía, situándoa como un referente internacional, grazas á implantación do concepto de servizos vivos ou living services.
  • A Comunidade RIS3CAT Utilities 4.0 é unha das seis novas Comunidades RIS3CAT acreditadas pola Generalitat de Catalunya a través de ACCIÓ —a axencia para a competitividade da empresa—, unha estratexia que achega a esta segunda convocatoria un orzamento de 24 millóns de euros procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea asignados a Cataluña.

Máis de 20 entidades formadas por empresas do sector servizos, tecnolóxicas e organismos de investigación de Cataluña crean a Comunidade Utilities 4.0, que xorde co obxectivo de transformar o sector servizos a medio prazo e implantar na sociedade catalá o paradigma industrial 4.0 na prestación dos servizos básicos e recursos.

A iniciativa contará cun orzamento total de 9,8 millóns de euros, dos cales 3,8 millóns proceden dos fondos FEDER asignados a Cataluña para potenciar a I+D.  Esta vai máis alá do mero desenvolvemento de produtos de mercado e pretende impactar de forma directa e real en toda a cidadanía, situándoa como un referente internacional grazas á implantación do concepto de servizos vivos, ou living services.

Os proxectos desta comunidade tamén irán encamiñados á xeración de tecido industrial e postos de traballo especializados dentro da industria enerxética, química, tecnolóxica e das telecomunicacións, coa achega de valor económico que iso implica.

Consorcio de empresas de servizos, centros de investigación e pemes tecnolóxicas

Para conseguir este obxectivo de acción global, constituíuse un consorcio formado por un amplo e diverso conxunto de entidades, entre as que destacan grandes empresas do sector servizos, como NEDGIA (grupo Gas Natural Fenosa), Grupo Suez, Ferrovial Servicios, Cellnex Telecom e Altran; destacadas universidades e centros de investigación tecnolóxica públicos e privados, como o centro tecnolóxico Eurecat, Cetaqua (Centro Tecnolóxico da Auga cofundado por Aigües de Barcelona, a UPC e o CSIC), o Centro Nacional de Microelectrónica do Consello Superior de Investigacións Científicas, a Universitat Politècnica de Catalunya, o Centre de Visió per Computador da Universitat Autònoma de Barcelona, a Barcelona Supercomputing Center, a Universitat de Lleida, a Fundació Privada i2CAT e un numeroso conxunto de pemes de alto valor engadido especializadas en servizos tecnolóxicos avanzados (robótica, analítica de datos, sensorización,…).

Grazas a esta iniciativa, algunhas empresas e entidades verán aumentadas as súas posibilidades de crecemento e a penetración da súa imaxe na sociedade, dinamizando o sector e favorecendo a creación e competencia nas últimas tecnoloxías industriais, como é o caso de World Sensing, Bemobile, The Things IO, Kernel Analytics, IDP Ingeniería y Arquitectura, Inloc Robotics, Dexma Sensors e Smilics Technologies. E todo iso co soporte e experiencia de F. Iniciativas, consultoría en financiamento da I+D+i.

Nace o concepto de "prosumidor"

O principal reto do paradigma 4.0, ou servizo vivo, é considerar o usuario final dos servizos de gas, auga, electricidade e residuos como "prosumidor" ou, o que é o mesmo, tanto consumidor de servizos coma produtor, algo que outros mercados baseados só nas novas tecnoloxías xa conseguiron. Este obxectivo só pode conseguirse a través da explotación das posibilidades tecnolóxicas actuais e da súa potenciación en todas as fases de produción. Ademais, este paradigma considera o cliente como un cidadán, dixital e non dixital, e ten en conta os seus padróns de comportamento para ofrecer servizos adaptables e evolutivos.

Por último, e non menos importante, a protección das infraestruturas críticas de servizos, incluíndo tanto seguridade física e cibernética, a mellora da eficiencia nos servizos e o uso dos seus activos son outros dos aspectos clave das Utilities 4.0.

Realidades en forma de proxectos de I+D+I

O resultado final e concreto do traballo que desenvolva esta comunidade será un conxunto de proxectos de I+D+i con resultados prácticos e implantables de forma efectiva. Estes proxectos inclúen a mellora das infraestruturas e redes de distribución de servizos e comunicacións, o aumento da interacción co cliente coa adaptación continúa de servizos e a seguridade e ciberseguridade de infraestruturas críticas.

Todos estes proxectos desenvólvense arredor de distintos retos, tanto en relación ás operacións industriais en plantas e redes, incorporando as últimas tecnoloxías 4.0, como a realidade virtual, a simulación ou a sensorización intelixente, como na integración do usuario en relación á análise da súa demanda e na definición de novos servizos.

Os proxectos que constitúen a comunidade son os seguintes:

  • ACTIV4.0: operación e xestión avanzada de activos, liderado por Ferrovial Servicios
  • SENIX: sensorización e inspección de redes, liderado por NEDGIA (grupo Gas Natural Fenosa).
  • MODEM: modelos preditivos e xestión da demanda, liderado por NEDGIA (grupo Gas Natural Fenosa).
  • PERSOSER: personalización de servizos para a mellora da experiencia do cliente, liderado por Cetaqua (Centro Tecnolóxico da Auga cofundado por Aigües de Barcelona, a UPC e o CSIC).
  • SECUTIL: solucións de seguridade e ciberseguridade en Utilities para protección de infraestruturas críticas, liderado por Eurecat.
  • COU40LS: coordinación da comunidade, liderado por Altran.

O resultado dos proxectos desenvolvidos por este ecosistema superará o estado da arte no sector servizos e recursos, e significará, dende o punto de vista da industria catalá, un impulso internacionalizador que situará a Cataluña como referente no uso de novas tecnoloxías para a relación entre o cidadán e a prestación de servizos básicos.

A Comunidade RIS3CAT Utilities 4.0 é unha das seis novas Comunidades RIS3CAT acreditadas pola Generalitat de Catalunya a través de ACCIÓ —a axencia para a competitividade da empresa—, unha estratexia que achega a esta segunda convocatoria un orzamento de 24 millóns de euros procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea asignados a Cataluña.

Ámbito e tema: España, Nedgia


 
Barcelona, 19 de xuño de 2018
 

rgpdactive true

argssite - CORP