Nathalie Roebbel (OMS): “A contaminación urbana causa sete millóns de mortes prematuras cada ano”

  • O Concello de Madrid presentou, xunto a Berlín e a rexión de Lombardía, os plans implantados para combater a contaminación urbana e mellorar a calidade do aire, nunha xornada na que a OMS alertou de que o 91% da poboación mundial respira aire contaminado.
  • A deficiente calidade do aire na UE representa un custo anual de 24.000 millóns de euros, segundo Daniel Calleja, director xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea.
“Os efectos combinados da contaminación do aire ambiente exterior e do doméstico causan ao redor de 7 millóns de mortes prematuras cada ano, polo aumento accidentes cerebrovasculares, enfermidades cardíacas, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, cancro de pulmón e infeccións respiratorias agudas”. A coordinadora de Contaminación Atmosférica e Saúde Urbana da OMS, Nathalie Roebbel, alertou con estas cifras sobre as consecuencias da calidade do aire nas cidades, no marco dun seminario organizado pola Fundación Naturgy en Bruxelas.

Roebbel recordou que o 91% da poboación mundial respira aire contaminado e que máis de 3.000 millóns de persoas cociñan con fontes enerxéticas contaminantes nas súas casas. “As cidades do mundo están a crecer rapidamente, e por iso as políticas para mellorar o aire urbano deben facer fronte a esta maior exposición das persoas que viven en contornas urbanas”, aseverou Roebbel.

A representante da OMS afirmou que é necesario un liderado global, coordinación entre os diferentes sectores sociais e as organizacións intergobernamentais, plans nacionais e locais e, sobre todo, que a saúde estea no centro das políticas urbanas. Fixo ademais un chamamento ás institucións públicas para investir máis en medidas de prevención, que hoxe apenas representan un 4% do gasto en saúde pública.

Neste sentido, María Eugenia Coronado, directora xeral da Fundación Naturgy, afirmou que “non hai unha solución única para tratar de mitigar a contaminación nas cidades, que provén principalmente do tráfico rodado, polo que é imprescindible analizar con detalle cada área urbana para aplicar as medidas óptimas que permitan alcanzar os resultados desexados de redución de emisións contaminantes”. Destacou igualmente a necesidade de establecer medidas adecuadas para cada cidade, tendo en conta a relación custo-beneficio versus os resultados esperados, e considerando, entre outras, as características xeográficas e climáticas, os hábitos e necesidades dos seus habitantes e as alternativas tecnolóxicas e de combustible que permitan maior sostibilidade segundo o seu uso.

Pola súa banda, Daniel Calleja, director xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea (CE), que participou na apertura do seminario, resaltou a mellora da calidade do aire en zonas urbanas a través de accións a ámbito europeo, nacional, rexional, local e por parte do sector privado. Calleja sinalou que, na UE, a deficiente calidade do aire causa 400.000 mortes prematuras e supón un custo de 24.000 millóns de euros cada ano; tamén recordou que a calidade do aire é a segunda preocupación dos cidadáns da UE, só por detrás do cambio climático. Por iso, a Comisión Europea iniciou un proceso de avaliación regulatoria da lexislación medioambiental.

Os casos de Berlín, a Lombardía e Madrid

O xefe de Xestión da Calidade do Aire no Departamento de Medio Ambiente, Transporte e Protección do Clima de Berlín, Martin Lutz, presentou os resultados do programa “No diesel without a filter”, grazas ao cal os niveis de partículas da capital alemá se reduciron considerablemente. Non obstante, explicou que, malia os esforzos realizados, Berlín segue loitando para cumprir a norma de calidade do aire para o dióxido de nitróxeno (NO2), igual que moitas outras grandes cidades de Europa. Tamén se referiu ao incumprimento das normas de control de emisións da UE para os vehículos diésel e a crecente presión para que se actúe con rapidez a raíz das sentenzas dos tribunais alemáns e os procedementos de infracción incoados pola CE contra Alemaña.

“Berlín cumpre os valores límite de partículas, pero, dadas as crecentes probas do efecto sobre a saúde a niveis de contaminación aínda máis baixos, segue habendo boas razóns para adoptar novas medidas co fin de aproximarse aos niveis de referencia máis protectores da OMS en 2030”, afirmou Lutz.

Lutz destacou algunhas medidas clave do novo proxecto de plan de calidade do aire de Berlín, presentado hai apenas dúas semanas a consulta pública. Ademais das de emerxencia, como restricións de acceso a vehículos diésel que aínda superan o valor límite de NO2, o plan intenta de novo aplicar medidas a escala de toda a cidade, para reducir os valores de NO2 en 2020 e para modificar a mobilidade urbana, pasando do vehículo privado a modos de transporte máis sans e compatibles coa cidade.

Guido Lanzani, xefe da Unidade de Calidade do Aire da Axencia de Protección do Medio Ambiente da Rexión de Lombardía, explicou que as características orográficas e meteorolóxicas da rexión determinan unhas condicións de dispersión moi deficientes, e “malia unha tendencia significativa cara a diminución das emisións durante anos, a miúdo se supera o límite diario de partículas e o límite anual de NO2”.

“O tráfico rodado é a principal fonte de emisión de óxidos de nitróxeno en todo o val do Po, mentres que a queima de madeira é responsable do 44% da emisión de partículas”, explicou Lanzani. “Sentamos as bases para reducir esta fonte de contaminantes, cunha clasificación das calefaccións, a prohibición progresiva do uso das peores e requisitos cada vez máis ambiciosos para as novas instalacións” afirmou, e puxo énfase tamén nos programas de “información e sensibilización á poboación postos en marcha”. Co plan de calidade do aire implantado na rexión de Lombardía, “en 2025 está previsto que se respecten plenamente as normas en materia de partículas e NO2”.

Pola súa banda, o subdirector de Enerxía e Cambio Climático da Área de Medio Ambiente e Mobilidade do Concello de Madrid, Juan Azcárate, explicou que o Plan de Madrid para a Calidade do Aire e o Cambio Climático (Plan A) ten por obxecto promover vehículos máis limpos en sectores clave que teñen un impacto significativo nas emisións derivadas do tráfico rodado. “O transporte é a principal fonte de contaminantes atmosféricos e de emisións directas de gases de efecto invernadoiro na cidade, e o Plan A inclúe accións e instrumentos combinados cara a unha mobilidade de baixas emisións, que permitan a Madrid acadar os obxectivos de calidade do aire e clima”, afirmou.

Azcárate explicou que “ademais das medidas centradas na redistribución e xestión do espazo público, como a Zona de Emisións Baixas (ZEB) Central de Madrid, que abrangue 480 ha, e a apertura de máis espazo para ciclistas e peóns, o desenvolvemento de vehículos de enerxías alternativas é unha acción transversal”. Neste sentido, destacou a incorporación de novos vehículos ás frotas municipais, e puxo como exemplo que o 65% da frota de autobuses, 1.340, se moven con gas natural, que xa contan cunha corentena de autobuses e minubuses eléctricos, e que este ano 2019 está previsto incorporar 35 autobuses eléctricos máis.

No marco do Plan A, temos o compromiso local para conseguir unha redución do 50% das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) procedentes do tráfico rodado en 2030 con respecto a 2012”, afirmou Azcárate.

Fundación Naturgy e a súa vocación de sensibilización da sociedade

Este seminario forma parte das actividades de formación que a Fundación Naturgy realiza sobre temáticas relacionadas coa enerxía, a tecnoloxía e o medio ambiente, a través de seminarios e publicacións especializadas. O obxectivo é promover un debate baseado sempre no coñecemento de expertos nas distintas materias, que contribúa a un maior coñecemento por parte da cidadanía das implicacións que ten un uso eficiente da enerxía, así como a súa importancia nas nosas vidas.

Con este seminario en Bruxelas, a Fundación Naturgy inicia unha nova etapa de xornadas internacionais en Europa, tras 25 anos organizando seminarios en España e América latina.

Ámbito e tema: Resto de Europa, Fundación Naturgy
 
Madrid, 8 de maio de 2019

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para personalizar a túa navegación e analizar a túa actividade no web, con obxectivos estatísticos e para mostrar publicidade. Se continúas navegando, consideramos que aceptas o seu uso.