Naturgy é a única enerxética española recoñecida como líder mundial pola súa acción fronte ao cambio climático


  • A compañía enerxética foi incluída no prestixioso índice The Climate Change A List da organización CDP, que recoñece as empresas líderes fronte ao cambio climático.  
  • É a única empresa enerxética española, e unha das cinco utilities a ámbito global, que obtén a máxima cualificación outorgada por este índice.

Naturgy foi recoñecida por oitava vez consecutiva como líder mundial pola súa acción fronte ao cambio climático, segundo o prestixioso índice elaborado por CDP, a organización sen ánimo de lucro que analiza anualmente a acción climática das principais compañías a ámbito internacional.

Das 6.937 empresas que reportaron información, a compañía enerxética figura entre as 126 empresas a ámbito mundial que obtiveron a máxima cualificación posible na categoría de cambio climático (A), ademais é a única compañía enerxética española e unha das cinco utilities do mundo en conseguilo.

A compañía foi recoñecida pola súa actuación na redución de emisións, a xestión de riscos asociados ao cambio climático e a promoción dunha economía baixa en emisións de carbono.

Para a directora de Innovación, Prevención, medio e Sostibilidade de Naturgy, Mónica Puente, “este recoñecemento avala as actuacións que dende Naturgy estamos a levar a cabo para ser un actor clave na transición enerxética e a loita contra o cambio climático. No contexto actual, as compañías desempeñamos un papel destacado no cambio cara a un modelo descarbonizado. Por ese motivo, o noso plan estratéxico 2018-2022 recolle unha importante aposta polas enerxías renovables, nas que imos investir preto de 1.000 millóns de euros ata 2020, así como plans de crecemento para o gas renovable e servizos de eficiencia enerxética para os nosos clientes.”

Durante 2017, a compañía enerxética contribuíu a evitar a emisión de 129 Mt de CO2, grazas á substitución doutros combustibles fósiles por gas natural, á actividade de plantas eléctricas de orixe renovable e ao aforro e eficiencia enerxética.

O índice The Climate Change A List

CPD publica cada ano o índice The Climate Change A List, xunto cos seus homólogos para a protección de bosques e a xestión da auga. Miles de empresas facilitan os seus datos a CDP, que, de acordo á súa metodoloxía, realiza unha avaliación externa e independente.

As compañías reciben unha puntuación entre A e D-, en función da efectividade coa que abordan o cambio climático, a deforestación e a xestión da auga, mentres que aquelas que non proporcionan información abondo son puntuadas cun F.

Naturgy, presente nos principais índices de sostibilidade e medio ambiente

Naturgy, grupo multinacional líder no sector da enerxía pioneiro na integración de gas e electricidade en España e América latina, está presente nos principais índices mundiais de sostibilidade e medio ambiente. A compañía enerxética foi recoñecida polo índice Dow Jones Sustainability Index (DJSI) como líder mundial do sector Gas Utilities; polo FTSE4GOOD como a empresa máis sostible do supersector Utilities; como unha das 120 empresas máis sostibles do mundo nos índices Euronext Vigeo; coa máxima categoría Gold Class no Anuario de Sostibilidade de RobecoSAM; e logrou ademais o triplo AAA de MSCI.

Así mesmo, co obxectivo de identificar, cuantificar e reportar os riscos e oportunidades relacionados co cambio climático, a compañía adoptou as recomendacións do Task Force on Climate related Financial Disclosures do Financial Stability Board. Estas recomendacións permiten á compañía avanzar na integración do cambio climático sobre a base das necesidades reais de investidores e mellorar a estimación de riscos relacionados co cambio climático.

Ámbito e tema:   Resto de EuropaNedgia

 
Barcelona, 25 de xaneiro de 2019.

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para personalizar a túa navegación e analizar a túa actividade no web, con obxectivos estatísticos e para mostrar publicidade. Se continúas navegando, consideramos que aceptas o seu uso.