Rafael Villaseca: “A fiscalidade enerxética actual non se destina sempre de forma prioritaria a resolver os problemas ambientais que deron lugar ao imposto”

  • A Fundación Naturgy presentou hoxe a publicación ‘A fiscalidade enerxética. Sentido, obxectivos e criterios’, no que se identifican e describen os impostos e cargas fiscais que gravan as diferentes fases do ciclo integral da enerxía.
  • O estudo pon de manifesto a necesidade de simplificar e homoxeneizar a fiscalidade enerxética sen incrementar a súa carga impositiva.
  • O sector enerxético é o principal contribuínte actualmente dentro da fiscalidade medioambiental.
“Un tributo medioambiental debe ter carácter finalista, isto é, os ingresos obtidos pola súa recadación deben destinarse a financiar gastos para a mellora e protección do medio ambiente”. Este é un dos principios que subxace no novo estudo da Fundación Naturgy, ‘A fiscalidade enerxética. Sentido, obxectivos e criterios’, elaborado polo fiscalista Juan Carpizo e as avogadas especializadas en fiscalidade Eugenia Montaña e Teresa Checa.

Na presentación do libro, o presidente da Fundación Naturgy, Rafael Villaseca, explicou que a publicación achega datos para poder valorar se o destino do recadado é máis ou menos finalista. “Da compilación e a avaliación realizada no estudo, dedúcese o carácter basicamente recadatorio destes gravames na actualidade no noso país”, afirmou Villaseca, que engadiu que “a fiscalidade enerxética actual non se destina sempre de forma prioritaria a resolver os problemas enerxéticos e ambientais que deron lugar ao imposto”.

Segundo afirman os autores no libro, “non podemos encontrar ningún imposto cuxo obxectivo prioritario sexa incidir na redución de comportamentos contaminantes ou no fomento dun uso enerxético máis eficiente”.

No estudo, afírmase que “un tributo medioambiental debe gravar os efectos nocivos para o medio ambiente provocados por aquelas actividades que os orixinen”, baixo o principio xeral da tributación medioambiental de que “o que contamina, paga, pero todo aquel que contamina, non só algúns”. Así o asume a Unión Europea, recollendo un principio no que a OCDE xa foi pioneira en 1972 na súa Recomendación sobre ‘Os principios directores relativos aos aspectos económicos das políticas de medio ambiente no plano internacional’.

O libro recorda que un dos principais retos en relación coa política e a lexislación medioambiental da Unión Europea é “mellorar a fiscalidade medioambiental, así como reducir as subvencións prexudiciais para o medio ambiente” e, para iso, “os impostos medioambientais son unha peza clave”. Non obstante, na última década houbo certa dispersión normativa e un enfoque heteroxéneo a escala rexional e mesmo local.

O sector enerxético, principal contribuidor da fiscalidade ambiental

Segundo recolle o estudo, Eurostat afirma que os impostos sobre a enerxía representan máis das tres cuartas partes dos ingresos totais procedentes dos impostos medioambientais (76,9%), moi por diante dos impostos sobre o transporte (19,7%) e sobre a contaminación e os recursos (3,4%).

Da análise comparativa entre diferentes países, o estudo salienta “o uso de incentivos nalgúns países para o fomento de enerxías máis limpas e a diminución de emisións contaminantes, en lugar de utilizar unicamente o mecanismo de imposición”. É o caso, por exemplo, de Finlandia, onde se prevé a devolución do imposto especial para a enerxía renovable “como medio para fomentar este tipo de fonte de produción”. Ou o de Alemaña, onde están exentos do pagamento do imposto sobre a enerxía, coñecido como Energiesteuer e Stromsteuer, a electricidade producida por enerxía eólica, solar, xeotérmica ou biomasa, ou a producida por centrais hidroeléctricas de máis de 10 MW.

En calquera caso, “malia os avances que se realizaron no seo da Unión Europea en materia de fiscalidade enerxética, e malia os grandes obxectivos fixados, aínda queda camiño por percorrer”, debido ás diferenzas entre os sistemas tributarios de cada un dos Estados membros e á falta de acordo para alcanzar o obxectivo común da protección do medio ambiente, segundo se recolle no estudo.

Complexidade e heteroxeneidade na fiscalidade española

Outra das constatacións do libro é que “en España non hai uniformidade en canto ás regras de exacción dos tributos medioambientais, xa que, en función do territorio ou comunidade autónoma onde se exerza a actividade e se poida contaminar, se aboará ou non un imposto ecolóxico”. A xeito de exemplo, o sector eólico aboa un canon nalgunhas comunidades autónomas, como Galicia, Castela-A Mancha ou Castela e León, que non se esixe no resto.

O estudo conclúe tamén que non existen regras comúns en canto ao gravame sobre emisións entre comunidades autónomas: algunhas gravan de forma directa sobre o axente contaminante e outras gravan as instalacións, como os parques eólicos, as hortas solares ou as centrais hidroeléctricas. Neste sentido, algunhas comunidades autónomas, como Cataluña, Andalucía ou Aragón, gravan directamente as emisións de CO2 e resto de emisións contaminantes, mentres que outras comunidades, como Asturias ou A Rioxa, gravan instalacións ou actividades que poderían deteriorar o medio ambiente.

Se ben as comunidades autónomas desenvolveron os seus propios impostos ambientais gravando feitos impoñibles non cubertos polo Estado, tamén é certo, segundo o estudo, que “outros moitos tributos autonómicos creados entran en conflito cos tributos estatais que recaen sobre o sector da enerxía, podendo chegar a casos de dobre imposición.” Por iso, segundo Carpizo, “requiriríase a fixación de regras claras para delimitar os espazos fiscais entre Administracións tributarias”.

Carpizo explicou que esta complexidade deriva nun custo de cumprimento de obrigas tributarias moi elevado, pois existen 8.100 municipios en 17 comunidades autónomas. Por iso, “sería desexable un mecanismo de simplificación do cumprimento das obrigas tributarias”.

“Non existen na actualidade mecanismos de coordinación entre Administracións locais e autonómicas e empresas do sector. Dende hai algúns anos, a Axencia Tributaria do Estado desenvolveu algunhas accións neste sentido, pero sería necesario afondar en novas medidas”, segundo os autores do libro.

Así mesmo, o estudo tamén pon de manifesto que existen algunhas contradicións ou zaragalladas en materia de fiscalidade: “os impostos que recaen sobre as emisións de CO2 son tributos autonómicos que perseguen finalidades medioambientais globais imposibles de alcanzar adecuadamente no ámbito local ou rexional, polo que carece de sentido,” explicou Carpizo.

Fundación Naturgy e a súa vocación de sensibilización ambiental

O libro ‘A fiscalidade enerxética. Sentido, obxectivos e criterios’ é obra de Juan Carpizo e das avogadas especializadas en fiscalidade Eugenia Montaña e Teresa Checa. Con esta publicación, que recompila e examina as normativas fiscais que rexen o sector da enerxía, a Fundación Naturgy quere “contribuír ao necesario debate para acometer os cambios que se prevén coa transición enerxética en España”, segundo Villaseca.

O libro presentado hoxe forma parte da colección de publicacións da Fundación Naturgy sobre enerxía, tecnoloxía e medio ambiente. O seu obxectivo fundamental é informar, formar e sensibilizar, así como achegar o uso racional dos recursos enerxéticos e fomentar un desenvolvemento sostible, dende unhas propostas rigorosas.

A Fundación Naturgy, fundada en 1992 pola compañía enerxética, tamén desenvolve programas de acción social, tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética.

Ámbito e tema:  EspañaFundación Naturgy
 
Madrid, 9 de maio de 2019
Rafael Villaseca na presentación do libro sobre a fiscalidade enerxética

O presidente da Fundación Naturgy, Rafael Villaseca, participou no acto inaugural. 

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para personalizar a túa navegación e analizar a túa actividade no web, con obxectivos estatísticos e para mostrar publicidade. Se continúas navegando, consideramos que aceptas o seu uso.