A Fundación Naturgy rehabilitará fogares vulnerables xestionados pola Fundación Mambré

  • Esta colaboración reforza as actuacións da Fundación Naturgy para contribuír a paliar a pobreza enerxética e permitirá á Fundación Mambré mellorar a eficiencia enerxética de vivendas cedidas a persoas con baixos recursos.
A Fundación Naturgy levará a cabo a rehabilitación enerxética de vivendas xestionadas pola Fundación Mambré, co fin de mellorar a eficiencia destes fogares e a calidade de vida das persoas vulnerables que os habitan.

O acordo de colaboración asinado por ambas as dúas entidades permitirá á Fundación Mambré ter acceso aos recursos do Fondo Solidario de Rehabilitación Enerxética, posto en marcha pola Fundación Naturgy a finais do ano pasado. Este fondo creouse para realizar melloras substanciais en materia de rehabilitación, equipamento e eficiencia enerxética en fogares de colectivos vulnerables

A directora xeral da Fundación Naturgy, María Eugenia Coronado, mostrou a súa satisfacción con esta nova iniciativa, “porque demostra a nosa firme aposta para contribuír a paliar a pobreza enerxética a través de actuacións que son, en moitos casos, moi sinxelas e de baixo custo, pero que poden mellorar en boa medida o confort e a economía dos fogares das persoas que máis o necesitan”.

Pola súa banda, a directora da Fundación Mambré, Meritxell Collelldemont, afirmou que “esta colaboración nos permite seguir apostando por aumentar a nosa bolsa de vivendas para persoas en situación de alta vulnerabilidade, a través da rehabilitación de pisos que se encontraban en desuso, ata o momento, por falta de condicións.”

Grazas a esta colaboración, poderase rehabilitar unha vintena de vivendas que a Fundación Mambré ten en propiedade ou cesión en Cataluña.

As intervencións que realizará a Fundación Naturgy nestes fogares realizaranse segundo as directrices do estudo “Re-habilitación exprés para fogares vulnerables”, pola Fundación Naturgy para promover a mellora da eficiencia enerxética nos fogares vulnerables, a custos baixos, pero cun grande impacto, tanto na calidade de vida das persoas, coma na factura enerxética das familias.

Entre estas actuacións, encóntranse, por exemplo, a reparación ou compra de sistemas de calefacción, ou de instalacións de electricidade e gas; así como a reforma de cerramentos, como ventás e acristalamentos, ou outras intervencións que melloren a eficiencia enerxética da vivenda.

Este acordo de colaboración coa Fundación Mambré está en liña coa Estratexia Nacional contra a Pobreza Enerxética 2019-2024 que aprobou a semana pasada o Goberno español, e que establece a rehabilitación enerxética de vivendas como unha das liñas de actuación a curto, medio e longo prazo, para abordar esta problemática de forma estrutural.

Esta iniciativa enmárcase nas accións que a Fundación Naturgy realiza dentro do Plan de Vulnerabilidade Enerxética da compañía, o primeiro desenvolvido por unha empresa enerxética española. Este plan inclúe máis de 20 medidas, tanto operativas coma sociais, que teñen como obxectivo reforzar e sistematizar a xestión dos clientes vulnerables e fortalecer a colaboración coas entidades do terceiro sector e a comunicación cos Servizos Sociais.

A Fundación Naturgy, fundada no ano 1992 pola compañía enerxética, ten como misión a difusión, formación, información e sensibilización da sociedade en temas de enerxía e medio ambiente. Tamén desenvolve programas de acción social tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética.

A Fundación Mambré ten como misión ofrecer servizos de vivenda digna ás entidades que desenvolven un plan de reinserción social integral para toda persoa sen fogar, e entre os seus obxectivos principais está atender as necesidades residenciais de persoas en situación de exclusión social a través dunha bolsa de vivenda propia.


Ámbito e tema:  España   Fundación Naturgy
 
Barcelona, 11 de abril de 2019

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para personalizar a túa navegación e analizar a túa actividade no web, con obxectivos estatísticos e para mostrar publicidade. Se continúas navegando, consideramos que aceptas o seu uso.