A Fundación Naturgy e a Fundación Roure renovan a súa colaboración para duplicar os fogares vulnerables rehabilitados ata agora

  • O traballo conxunto de ambas as dúas entidades permitirá superar a vintena de vivendas, grazas aos recursos do Fondo Solidario de Rehabilitación Enerxética.

A Fundación Naturgy e a Fundación Roure acometeron con éxito a rehabilitación de 11 fogares de familias vulnerables en Barcelona, e acordaron duplicar esta cifra nos próximos meses. Estas actuacións realízanse grazas aos recursos que o Fondo Solidario de Rehabilitación Enerxética da Fundación Naturgy pon a disposición de entidades sociais, para mellorar a eficiencia enerxética de vivendas dos colectivos máis desfavorecidos.

Ambas as dúas entidades traballan xuntas en favor das familias en situación de vulnerabilidade dende hai máis de un ano. Durante os últimos seis meses, centraron os seus esforzos na rehabilitación enerxética de vivendas, e a positiva experiencia levounos a ampliar os recursos para superar a vintena. Entre outras actuacións, realizouse a reparación ou compra de sistemas de calefacción, a instalación de cerramentos en ventás e acristalamentos, o arranxo e posta en marcha de instalacións de electricidade e gas, e a mellora do illamento de paredes.

directora xeral da Fundación Naturgy, María Eugenia Coronado, salientou o traballo conxunto realizado coa Fundación Roure, e afirmou que “a ampla rede de acordos tecida con diversas entidades do Terceiro Sector estanos a permitir aumentar día a día o número de beneficiarios dos nosos proxectos sociais”.

A Fundación Naturgy colabora con distintas administracións e entidades sociais como Foment de l’Habitatge Social, Hábitat 3, Fundación para a Caridade da Construción de Cáritas, Fundación Mambré, Fundación Tengo Hogar e Accem, ademais da propia Fundación Roure, ás que dota con recursos do Fondo Solidario de Eficiencia Enerxética.

As rehabilitacións que se acometen con este fondo seguen as directrices do estudo “Re-habilitación expresa para fogares vulnerables”, auspiciado pola Fundación Naturgy. Esta publicación promove a mellora da eficiencia enerxética nos fogares vulnerables, a custos baixos, pero cun grande impacto, tanto na calidade de vida das persoas coma na factura enerxética das familias. Unha reforma exprés de sete medidas, por exemplo, aumenta un 22 % os días de benestar ao ano sen consumo de enerxía e pode supoñer un aforro de ata 650 euros anuais.

O convenio está en liña coa Estratexia Nacional contra a Pobreza Enerxética 2019-2024, que establece a rehabilitación enerxética de vivendas como unha das liñas de actuación a curto, medio e longo prazo, para abordar esta problemática de forma estrutural. Así mesmo, englóbase dentro do Plan de Vulnerabilidade Enerxética de Naturgy, que se marca como obxectivos a mellora da calidade de vida dos colectivos afectados pola pobreza enerxética e o seu asesoramento en temas relacionados co consumo de enerxía ou o pagamento de servizos enerxéticos.

A Fundación Naturgy, fundada en 1992 pola compañía enerxética, tamén desenvolve programas de acción social, tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética. Tamén ten como misión a difusión, formación, información e sensibilización da sociedade en temas de enerxía e ambiente.

Fundación Roure traballa nos barrios de Sant Pere, Santa Caterina e a Ribera (Ciutat Vella) de Barcelona dende 1992. O seu labor é acompañar persoas que se encontran en situación de precariedade para que sexan o máis autónomas posible e poidan gozar dunha vida digna e responsable.

Compartir