A Fundación Naturgy presenta o seu novo proxecto educativo para sensibilizar sobre enerxía renovable e economía circular á xuventude

  • A nova iniciativa itinerante ‘The Circular Challenge. Innovación para unha enerxía renovable e circular’ fai a súa estrea hoxe no evento #imperdible_04, organizado pola Fundación Cotec en colaboración co Concello de Madrid.

A Fundación Naturgy lanza esta semana un novo recurso educativo para sensibilizar a xuventude sobre a importancia do papel do gas renovable como fonte de enerxía clave para frear o cambio climático e favorecer a economía circular. O proxecto, bautizado como ‘The Circular Challenge. Innovación para unha enerxía renovable e circular’, preséntase hoxe na nova edición do evento Imperdible_04 de Cotec, en Madrid.

Este novo recurso educativo é unha ferramenta innovadora e totalmente dixital, adaptado para estudantes de secundaria e universitarios, e para o público en xeral. “Os participantes desta experiencia descobren que é o gas renovable, como se crea e o seu papel fundamental no futuro, como enerxía limpa e sostible, e como un dos vectores da economía circular”, explicou María Eugenia Coronado, directora xeral da Fundación Naturgy.

“Ademais, a proposta inclúe o desenvolvemento do sentido crítico e o compromiso social, en liña cos obxectivos que a Fundación Naturgy pretende promover a través de todas as súas liñas de actuación”, afirmou Coronado.

Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas prevén complexos desafíos no ámbito da enerxía. Para alcanzar estas metas globais na Axenda 2030, a innovación tecnolóxica será un ingrediente imprescindible. Este contexto favorecerá a aparición de fontes de enerxía renovable que garantan a descarbonización, eliminando o CO2 e mellorando a calidade do aire da nosa contorna. Todo iso queda recollido nesta nova proposta educativa itinerante da Fundación Naturgy centrada no papel do gas renovable como enerxía de futuro.

A Fundación colabora con esta nova iniciativa en Imperdible_04, organizada pola Fundación Cotec en colaboración co Concello de Madrid. Imperdible_04 é un evento experiencial e participativo sobre innovación que, nesta edición, se centrará en mostrar a importancia da innovación como motor para alcanzar os 17 ODS.

A vocación educativa da Fundación Naturgy

‘The Circular Challenge’ incorpórase á oferta educativa da Fundación Naturgy, que conta cun amplo programa formativo para transmitir valores sobre o cambio de modelo enerxético, a preservación do medio ambiente e o consumo responsable da enerxía. Así mesmo, con esta oferta, a Fundación persegue contribuír ao fomento de vocacións tecnolóxicas e científicas das chamadas disciplinas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Dende a súa posta en marcha en 2012, case 700.000 nenos e mozos participaron nestas iniciativas dirixidas a escolares de todos os niveis.

A Fundación Naturgy, fundada en 1992 pola compañía enerxética, tamén desenvolve programas de acción social, tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética.

Compartir