A Fundación Naturgy realizará a rehabilitación enerxética de vivendas vulnerables da Fundación Tengo Hogar

  • Esta nova colaboración súmase ás actuacións para axudar a familias en situación de pobreza enerxética a mellorar a súa eficiencia enerxética e a aforrar nas súas facturas, a través do seu Fondo Solidario de Rehabilitación Enerxética.
  • A iniciativa, enmarcada no Plan de Vulnerabilidade Enerxética de Naturgy, segue as directrices da Estratexia Nacional contra a Pobreza Enerxética 2019-2024.

A Fundación Naturgy e a Fundación Tengo Hogar colaborarán para mellorar a eficiencia enerxética de fogares de familias vulnerables, grazas aos recursos do Fondo Solidario de Rehabilitación Enerxética da fundación da empresa enerxética.

A directora xeral da Fundación Naturgy, María Eugenia Coronado, mostrou a súa satisfacción con este novo acordo, “que nos permite avanzar na nosa principal liña de actuación para loitar contra a pobreza enerxética, abordando un problema estrutural das vivendas que habitan as familias máis vulnerables.”

O acordo súmase aos xa asinados con outras cinco entidades sociais (Foment de l’Habitatge Social, Hábitat 3, Fundación para la Caridad de la Construcción, de Cáritas, e Fundación Mambré), que xa teñen acceso ao Fondo Solidario de Rehabilitación Enerxética para facer obras de rehabilitación enerxética nos pisos que xestionan.

Este novo acordo permitirá seguir acometendo actuacións segundo as directrices do estudo “Re-habilitación exprés para fogares vulnerables”. Esta publicación, patrocinada pola Fundación Naturgy, promove a mellora da eficiencia enerxética nos fogares vulnerables, a custos baixos, pero cun grande impacto, tanto na calidade de vida das persoas coma na factura enerxética das familias. Entre as medidas que establece, inclúense a reparación e compra de sistemas de calefacción, a instalación de cerramentos en ventás e acristalamentos, o arranxo e posta en marcha de instalacións de electricidade e gas, ou a mellora do illamento de paredes.

O convenio coa Fundación Tengo Hogar está en liña coa Estratexia Nacional contra a Pobreza Enerxética 2019-2024, que establece a rehabilitación enerxética de vivendas como unha das liñas de actuación a curto, medio e longo prazo, para abordar esta problemática de forma estrutural. Así mesmo, englóbase dentro do Plan de Vulnerabilidade Enerxética de Naturgy, que se marca como obxectivos a mellora da calidade de vida dos colectivos afectados pola pobreza enerxética e o seu asesoramento en temas relacionados co consumo de enerxía ou o pagamento de servizos enerxéticos.

A Fundación Naturgy, fundada no ano 1992 pola compañía enerxética, ten como misión a difusión, formación, información e sensibilización da sociedade en temas de enerxía e medio ambiente. Tamén desenvolve programas de acción social tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética.

A Fundación Tengo Hogar é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 2014 que traballa a prol de familias en situación moi vulnerable e que necesitan un impulso para recuperar a súa autonomía persoal e económica, a través dun acompañamento integral (persoal, social e laboral) unido, en determinados casos, á cesión de uso dunha vivenda durante o período de acompañamento.

Compartir