Francisco Reynés explica as claves para a transformación das organizacións no XVII Congreso Directivos CEDE

  • O presidente executivo de Naturgy participou na nova edición do Congreso da Fundación CEDE – Confederación Española de Directivos e Executivos -, celebrada hoxe en Palma de Mallorca baixo o lema Claves para crecer na 4.ª Revolución Industrial.
  • Francisco Reynés detallou na súa intervención os principais desafíos de transformación aos que se enfrontan as compañías na actualidade e definiu os retos que encara Naturgy dende a súa chegada á presidencia da compañía enerxética. 

O presidente executivo de Naturgy, Francisco Reynés, participou hoxe no XVII Congreso Directivos da Fundación CEDE – Confederación Española de Directivos e Executivos -, celebrado en Palma de Mallorca.

Durante a súa intervención baixo o título A transformación das organizacións, Reynés debullou os desafíos actuais aos que se enfrontan as compañías na súa transformación e adaptación a ámbitos cambiantes. “As organizacións non poden ser entidades estáticas. Estamos obrigados a cambiar, a asumir riscos para avanzar e a transformación debe ser unha constante para nós”, sinalou o presidente executivo de Naturgy.

Na súa presentación, Reynés estivo acompañado por Pepe, un robot humanoide fabricado por SoftBank Robotics, capaz de replicar algunhas actividades humanas grazas ás súas múltiples cámaras, sensores e modelos baseados en intelixencia artificial. Pepe foi contratado por Naturgy para realizar pilotos no ámbito da atención ao cliente mediante chatbots e como asistente virtual. Xunto con Pepe, o presidente aproveitou o 50 aniversario da estrea de 2001. Unha odisea do espazo para explicar a evolución das tecnoloxías e a súa aplicación para o desenvolvemento da sociedade.

Transformación do sector enerxético

O presidente executivo de Naturgy remarcou que persoas, procesos, know how, activos, clientes e reputación son as pezas que conforman as vantaxes competitivas. En paralelo, elementos do ámbito como a situación económica, o marco político e regulatorio, as evolucións tecnolóxicas, as tendencias de mercados e os competidores son os puntos de inflexión que obrigan á adaptación e transformación desas vantaxes competitivas.

“No noso caso, no enerxético, nada é nin será como o coñeceramos”, asegurou Reynés, que repasou as grandes tendencias clave no sector, especialmente no caso das renovables, a mobilidade, o gas natural e a dixitalización. “No escenario actual e ao que nos diriximos é importante asegurar simultaneamente os tres piares da subministración enerxética: custos baixos, contribución aos obxectivos de mellora ambiental e fiabilidade de subministración,” engadiu.

No caso de Naturgy, o seu presidente executivo detallou durante a súa intervención como a compañía está a protagonizar esta transformación no sector enerxético baseándose principalmente no cambio cultural, que pasa pola simplicidade, o empowerment para os directivos e a importancia dos equipos.

Francisco Reynés incidiu na necesidade de que as compañías teñan “claridade nos seus principios de actuación, unha perseverante aplicación e determinación para vencer os obstáculos que aparecen” nos procesos de transformación. “O medo a equivocarse, os cambios nos hábitos e as actitudes individuais son algúns dos freos que as compañías deberían superar mentres que o compromiso co cambio, a ambición polo éxito e a cohesión do equipo son os axentes do cambio que hai que potenciar”, resumiu Reynés.

Congreso Directivos CEDE

A Fundación CEDE – Confederación Española de Directivos e Executivos – celebra este ano en Palma de Mallorca a XVII edición do Congreso de Directivos baixo o lema Claves para crecer na 4.ª Revolución Industrial. Dixitalización, innovación, liderados transformadores, turismo, talento e novos perfís profesionais, así como a situación económica global e o seu impacto en España, son algúns dos temas centrais que destacados líderes empresariais e políticos de primeiro nivel abordaron durante a xornada.

En paralelo ao Congreso Anual da Fundación CEDE, celebrarase o “Encontro de Mozos – Talento en crecemento”, dirixido a estudantes procedentes de universidades, escolas de negocio e formación profesional, que terán a oportunidade de coñecer de primeira man a experiencia de executivos da alta dirección e algúns deles, poderán compartir toda unha xornada de traballo con eles.

A Fundación CEDE, presidida por Isidro Fainé, é unha entidade que agrupa actualmente a 38 asociacións, formadas por máis de 154.000 directivos. O seu obxectivo principal é dotar os directivos dunha representación en consonancia coa relevante función que desempeñan no ámbito socioeconómico. Actualmente, S. M. o Rei ostenta a presidencia de honra de Fundación CEDE.

Imaxe
Compartir