Gas Natural Fenosa e Endesa realizan por primeira vez en España unha transacción de enerxía coa tecnoloxía blockchain

  • Esta tecnoloxía permitirá unha maior tecnificación no mercado da enerxía, aplicando o desenvolvemento e implantación de solucións innovadoras que poden redundar nun aforro de custos para axentes e clientes.

 

  • A operación foi posible grazas á iniciativa Enerchain, na que colaboran 39 grandes compañías enerxéticas que impulsan o desenvolvemento deste proxecto para probar operacións de compravenda de enerxía baseados en tecnoloxía blockchain.

GAS NATURAL FENOSA e Endesa convertéronse nas primeiras compañías da Península Ibérica en realizar unha operación de compravenda de enerxía empregando a tecnoloxía blockchain (cadea de bloques). En concreto, as compañías realizaron unha transacción por un volume total de 5,95 GWh de gas natural.

A operación foi posible grazas ao proxecto conxunto Enerchain, que conta hoxe en día con 39 empresas enerxéticas europeas, entre as que se encontra Enel (grupo ao que pertence Endesa), que realizará transaccións de enerxía a través dunha infraestrutura descentralizada baseada en blockchain. Xa durante o pasado ano se realizaron transaccións de demostración e, hoxe, na feira E-World, que estes días se está a realizar en Essen (Alemaña), pechouse a primeira operación real de compravenda.

Con esta operación, GAS NATURAL FENOSA demostra o seu compromiso coa innovación” sinalaron David Guerra, director de Trading, e Susana Calvo, subdirectora de Negocios Emerxentes da multinacional enerxética. Así mesmo, apuntan que “Blockchain é unha tecnoloxía que, se ben ten que superar algúns retos relevantes, ten o potencial de transformar moitos ámbitos da actividade das empresas enerxéticas, das cales os maiores beneficiados serán os nosos clientes, tanto en prezo coma en servizo”.

Para Javier Alonso, director de Trading de Endesa, “neste proxecto aproveitamos tecnoloxía de vangarda para crear unha plataforma de negociación que poderá permitir reducir custos de aprovisionamento de enerxía, creando valor para os consumidores, en liña coa filosofía Open Innovation do Grupo Enel.”

O proxecto comezou en maio de 2017 e é a primeira plataforma de negociación de produtos de enerxía con entrega física con execución descentralizada. A plataforma permite realizar transaccións de gas e electricidade para calquera zona europea e para calquera período de entrega, dende o moi curto prazo ata operacións con carga base anual.

A tecnoloxía blockchain

A plataforma Enerchain, desenvolvida pola empresa de soporte lóxico alemá Ponton, está baseada na tecnoloxía blockchain, ou cadea de bloques. Con esta tecnoloxía son os propios participantes do mercado os que cos seus sistemas validan e certifican as transaccións, permitindo reducir os custos de intermediación e aumentar a eficiencia da cadea de valor, ao mesmo tempo que se garanten transaccións seguras e rápidas.

Unha vez aprobada a operación, o bloque que a rexistra engádese a unha cadea onde quedan incorporadas todas e cada unha das operacións que se realicen, almacenándose simultaneamente no conxunto de nodos da rede.

Gas Natural Fenosa

GAS NATURAL FENOSA é unha multinacional líder no sector de enerxía, pioneira na integración de gas e electricidade, e presente en máis de 30 países. O grupo presta servizos a preto de 22 millóns de clientes en cinco continentes e opera unha capacidade instalada de xeración de electricidade de 15,5 GW cun diversificado mix de tecnoloxías.

Con esta nova iniciativa, GAS NATURAL FENOSA demostra a súa decidida aposta pola innovación e a tecnoloxía aplicada ao sector enerxético, enmarcándose noutros proxectos da compañía, como o recentemente presentado DirectLink, o primeiro sistema de transferencia de GNL flotante universal do mundo, ou o desenvolvemento de proxectos asociados ao gas renovable, entre outros.

A innovación en Endesa

Como parte da filosofía Open Power do grupo Enel, Endesa aposta por un modelo de innovación aberta como vehículo para abordar os retos das súas diferentes liñas de negocio, un modelo de innovación colaboradora con provedores, centros tecnolóxicos e de investigación, universidades e startups, entre outros actores. O obxectivo é desenvolver unha nova cultura da innovación que permita xerar solucións creativas capaces de transformar o modelo enerxético actual.

Baixo este modelo, Endesa pretende combinar o coñecemento interno co talento externo para desenvolver solucións nos ámbitos da xeración distribuída, o autoconsumo, a pequena renovable, o almacenamento enerxético, a mobilidade eléctrica, eficiencia enerxética, automatización do fogar, experiencia de cliente, a relación dixital co cliente e o big data, entre outros.

Compartir