Michael Liebreich: “A economía vai ser unha terceira parte máis produtiva dende un punto de vista enerxético”

  • O experto en transición enerxética e mobilidade, e fundador de Bloomberg New Energy Finance, inaugurou hoxe unha serie de conversacións de alto nivel sobre as condicións económicas, técnicas e científicas que se enxergan para o futuro enerxético.
  • O presidente de Naturgy, Francisco Reynés, afirmou que “no mundo da enerxía, o reto é buscar solucións sostibles e sortear trabas que xorden no camiño”.

A Fundación Naturgy organizou esta mañá na IESE Business School de Madrid o primeiro encontro ‘Energy Prospectives’, co experto en transición enerxética e mobilidade, e fundador de Bloomberg New Energy Finance, Michael Liebreich, e o exministro de Industria e Enerxía Claudio Aranzadi.

Liebreich, quen falou das tendencias globais en enerxía limpa e mobilidade, comezou a súa intervención cun prognóstico: “Para 2040, unha terceira parte da electricidade mundial xerarase a partir do mix de enerxía eólica e solar, un terzo dos vehículos na estrada serán eléctricos e a economía mundial producirá un terzo máis do produto interior bruto (PIB) por cada unidade de enerxía”. Para o experto, a cantidade de instalacións de enerxía renovable non se estancou e si reduciu os seus custos de construción. “O cambio ás enerxías renovables será máis grande que o cambio do carbón ao gas”, sinalou.

A continuación, puxo de relevancia como baixou o prezo do gas e está a aumentar de forma global o seu uso sen substituír o carbón. “O gas está a desempeñar un papel distinto. Vai dar máis flexibilidade, clave para a transformación enerxética.” Destacou que o gas ten unha pegada de carbono máis baixa que o carbón e ofrece beneficios económicos e xeopolíticos.

Michael Liebreich opinou que “a transformación do sistema eléctrico se fará eficientemente de se tomar decisións relacionadas cunha xeración distribuída, non centralizada.” Así mesmo, valorou a necesidade de dixitalizar. “Temos que ter en conta as tecnoloxías posibles: biomasa, biogás… Todo ten que estar dixitalizado”. Sobre esta cuestión, o seu prognóstico é que “a economía vai ser unha terceira parte máis produtiva, enerxeticamente falando”.

O fundador de Bloomberg New Energy Finance mostrouse confiado en que se chegará ao escenario de emisións netas cero. “Ao mellor tardaremos, pero estou seguro de que o faremos rápido. A electricidade descarbonizarase para 2027”. Para el, é hora de cambiar sectores como o transporte terrestre, a aviación ou a agricultura, e chegar á accesibilidade de enerxía limpa.

No relatorio, Michael Liebreich tivo palabras para os vehículos eléctricos. “Poden ser potencialmente un problema, pero tamén, un aliado. O vehículo eléctrico terá unha importancia real na industria do automóbil e calculo que en 2026 o seu prezo será competitivo. Hai que ter en conta que é preciso investir nesta industria”.

Francisco Reynés, presidente executivo de Naturgy, que participou no acto de apertura da xornada, mostrouse satisfeito pola acollida deste primeiro encontro ‘Energy Prospectives’. “Superáronse as nosas expectativas. O debate arredor da enerxía é de interese máis alá dos que nos dedicamos a isto. Transcende ao propio sector, chega á industria, á economía e ao benestar en xeral”.

Respecto á situación actual, o presidente de Naturgy afirmou que “no mundo da enerxía, o reto é buscar solucións sostibles e sortear trabas que xorden no camiño”. Neste sentido, Reynés destacou os cambios e incertezas do sector: “Ten tres incertezas: crear un plan de enerxía ambiental, que sexa sostible económica e socialmente, e facelo a uns custos competitivos. Temos que buscar solucións sostibles dende estas tres perspectivas. Na Unión Europea, os países empezan xa a identificar plans concretos de transformación de modelo enerxético compatible con estas propostas de futuro”.

O presidente executivo de Naturgy estivo acompañado na apertura do evento por José Luís Suárez, director xeral de IESE en Madrid, quen subliñou a importancia que ten agora a transición enerxética. “Estamos nunha economía de CO2, que supón un reto sen precedentes. Ten un efecto transversal tamén nunha sociedade que cada vez é máis sensible cara á contorna e ao cambio climático”.

Dilemas, incertezas e oportunidades da transición enerxética

Xunto a Michael Liebreich, o segundo relator invitado nesta primeira sesión de ‘Energy Prospectives’ foi o exministro de Industria e Enerxía, Claudio Aranzadi. Na mesa de debate formulou a reflexión sobre os custos de redución de emisións, o futuro da regulación do sector eléctrico e os impactos xeopolíticos no sector do petróleo e da enerxía.

Aranzadi resumiu o obxectivo da transición enerxética en emisións netas en 2050 e referiuse á descarbonización. “Das 38 tecnoloxías necesarias para chegar a ese horizonte en 2050, só hai 4 maduras. O custo competitivo é moi limitado. Na descarbonización, os custos estáticos son seguros e actuais. En termos netos son negativos, pero neste momento hai que sufragalos, hai que telos como vantaxes no futuro. Os beneficios enerxéticos e medioambientais son incertos e a longo prazo”.

O que fora ministro de Industria e Enerxía formulou un suposto para o ano 2050. “Vai haber para entón unha importante penetración de xeración distribuída, cun incremento na dixitalización e das tecnoloxías de almacenamento descarbonizadas.” En canto ao seu punto de vista sobre a influencia do petróleo, recordou un dato: “As previsións de demanda de petróleo para o ano 2040 son de 100 millóns de barrís ao día. Isto é incompatible cos plans de descarbonización. Ademais, fai falta un maior investimento”.

Pola súa banda, o profesor do IESE Xavier Vives, que moderou o coloquio cos asistentes, manifestouse sobre a incerteza tecnolóxica e enerxética. “En toda transición haberá que ver como evolucionan os prezos da enerxía, dependerá moito dos países produtores e das súas necesidades. Esta casuística condicionará os custos de oportunidade das tecnolóxicas”.

A clausura do evento contou con José Luís Suárez, director xeral de IESE en Madrid, e Rafael Villaseca, presidente da Fundación Naturgy, quen explicou que, ante as transformacións da última década “dominadas polo cambio medioambiental, tecnolóxico e social”, a Fundación Naturgy creou estes debates para falar do futuro. “Os problemas non se resolverán unicamente poñendo obxectivos, fai falta debater sobre como conseguilos”

‘Energy Prospectives’: novo ciclo de encontros de alto nivel

A Fundación Naturgy, da man dunha das escolas de negocio máis importantes, a IESE Business School, puxo hoxe en marcha ‘Energy Prospectives’, un ciclo de conversacións de alto nivel sobre as condicións económicas, técnicas e científicas que se enxergan para o futuro do sector enerxético, desenvolvidas por expertos nacionais e internacionais e dirixidas a un grupo reducido de expertos empresarios, directivos e académicos.

En tres sesións este ano 2019 (marzo, xuño e outubro), ‘Energy Prospectives’ reunirá figuras recoñecidas a ámbito internacional pola súa experiencia, visión e coñecemento do sector enerxético.

Fundación Naturgy e a súa vocación formativa e de sensibilización da sociedade

Esta actividade enmárcase no programa de formación e sensibilización que a Fundación Naturgy realiza sobre temáticas relacionadas coa actualidade do mundo da enerxía e o medio ambiente. O seu obxectivo fundamental é promover o uso racional dos recursos enerxéticos e fomentar un desenvolvemento sostible, isto é, a mellora da eficiencia enerxética e a innovación tecnolóxica no ámbito da enerxía, de forma coherente co respecto e a protección do medio ambiente.

A Fundación Naturgy, fundada en 1992 pola compañía enerxética, tamén desenvolve programas de acción social, tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética. No ámbito cultural, promove accións orientadas tanto á preservación e difusión do patrimonio histórico do sector do gas e a electricidade.

Compartir