Naturgy adxudícase o maior proxecto eólico en Illas Canarias, o parque Puerto del Rosario en Forteventura

  • O Parque Eólico Puerto del Rosario, no que se investirán 39,3 millóns de euros, terá unha potencia instalada de máis de 29 MW e está incluído na nova poxa eólica de 217 MW convocada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.
  • O proxecto súmase aos oito parques eólicos que a compañía ten en operación no arquipélago, sete na illa de Gran Canaria e un na illa de Forteventura.

Naturgy vai construír unha nova instalación renovable, o Parque Eólico Puerto del Rosario, na illa de Forteventura, que terá unha potencia instalada de 29,2 MW. A compañía investirá 39,3 millóns de euros no proxecto, que estará formado por oito aeroxeradores de 3,65 MW cada un. Esta instalación foi incluída na nova poxa eólica de 217 MW convocada polo Ministerio de Transición Ecolóxica o pasado decembro, e na que finalmente se adxudicaron 184 MW. Desta forma, Naturgy converteuse no segundo adxudicatario por potencia asignada.

Ana Peris, directora de xeración de Naturgy, indicou que “o resultado desta poxa supón un importante éxito para a nosa compañía, que obtivo o 16% da potencia total adxudicada, o maior parque eólico, situándose por diante do resto de utilities que operan no sector enerxético español. Desta forma, demostramos o compromiso coa xeración renovable que Naturgy apuntou no seu plan estratéxico 2018-2022”.

O Parque Eólico Puerto del Rosario súmase aos oito parques que ten actualmente a compañía en operación no arquipélago, sete na illa de Gran Canaria e un na illa de Forteventura, que teñen unha potencia total de 32,6 MW e nos que se investiu case 50 millóns de euros.

O novo proxecto que prevé desenvolver Naturgy continuará agora o proceso de obtención do resto de autorizacións necesarias para a súa construción, co obxectivo de lograr a súa posta en marcha antes do 30 de xuño de 2022, límite establecido polo Ministerio na normativa da poxa.

Naturgy Renovables

A filial de renovables da compañía enerxética pechou o primeiro trimestre de 2019 en España cunha potencia instalada en operación de 1.179 MW consolidables, dos que 1.012 MW corresponden a parques eólicos; 109 MW, a centrais minihidráulicas e 58 MW, a coxeración e fotovoltaica.

Compartir