Naturgy acelera o despregamento internacional do seu negocio de renovables coa sinatura de varios acordos para desenvolver proxectos agrovoltaicos e eólicos en Italia. A empresa xa ten en tramitación unha potencia superior aos 200 MW. Trátase dun novo fito na aposta pola transición enerxética do Grupo, que prevé este ano un investimento en enerxías limpas superior en polo menos un 50 % ao investimento renovable en 2022.
Os desenvolvementos en Italia que xa se están a tramitar consisten en dúas instalacións solares cunha potencia total de case 200 MW, á que se suman outros 35 MW de almacenamento en baterías. Os proxectos situaranse nas rexións de Apulia e Lazio. Os dous proxectos atópanse en avanzado estado de desenvolvemento administrativo, polo que a súa entrada en operación está prevista en 2025.
Ámbolos dous proxectos están formulados como agrovoltaicos, é dicir instalados en terreos de cultivo, co obxectivo de minimizar o seu impacto no territorio e facelos compatibles coa actividade agraria das dúas rexións.
A aposta de Naturgy por Italia confirma o impulso que a compañía está a dar para o desenvolvemento da súa carteira internacional de renovables, onde xa conta con proxectos operativos ou en desenvolvemento en Australia e Estados Unidos, entre outros países. “Naturgy ten un obxectivo claro, concreto e realista de desenvolvemento renovable tamén en Europa. Italia é un paso máis na nosa decisión de acadar un 60 % de xeración renovable en todo o mundo nos próximos anos”, explicou Jorge Barredo, director xeral de Renovables, Novos Negocios e Innovación da compañía.
Ademais dos dous proxectos en marcha, Naturgy acadou varios acordos con desenvolvedores e actores locais para engadir nova capacidade á súa carteira. Neste sentido, o grupo ten identificados outros potenciais desenvolvementos cunha potencia superior os 800 MW.
En paralelo ao desenvolvemento dos seus primeiros proxectos no país, a compañía abriu unha sede en Roma dende a que coordinará e potenciará o despregamento dos seus investimentos. Esta nova oficina está liderada por Filipo Checcucci, country manager de Naturgy en Italia, cunha experiencia de máis dunha década en diferentes áreas do grupo.
Impulso ás renovables
Naturgy traballa para impulsar o seu papel na transición enerxética e na descarbonización, co ambicioso obxectivo de acadar a neutralidade de emisións en 2050 e unha potencia instalada de fontes renovables próxima ao 60 %.
Naturgy conta cunha folla de ruta estratéxica coa que a compañía impulsará o seu papel na transición enerxética e na descarbonización, co ambicioso obxectivo de alcanzar a neutralidade de emisións en 2050 e unha potencia instalada de fontes renovables próxima ao 60 %. Aproximadamente dous terzos do investimento previsto no Plan Estratéxico a 2025 dedicaranse ao impulso da xeración renovable. Actualmente, a compañía suma máis de 5,5 GW de potencia en operación a nivel internacional e conta cunha carteira de máis de 195 proxectos en España, Australia e Estados Unidos.
En España, a compañía continúa avanzando na construción de preto de 30 proxectos eólicos e solares, que se espera entren en operación nos vindeiros meses.
Os investimentos en renovables realizados nos últimos anos pola compañía confirman o seu xiro estratéxico cara a un mix enerxético máis sostible e o seu compromiso coa transición enerxética. Todo iso, sen abandonar os obxectivos fundamentais de creación de valor e crecemento para cada un dos negocios, así como os obxectivos en materia de ESG.