Naturgy e Vallibria asinan un acordo para a posta en servizo da primeira gasineira pública dual de GNC e GNL en Galicia

  • A estación de servizo, que estará situada en Vilalba (Lugo), dispoñerá dun tanque de 60 m3 de GNL, un surtidor de GNL e dous de GNC, que permitirán a recarga de vehículos, tanto lixeiros coma pesados.
  • A implantación estratéxica próxima á autovía A-8, punto de partida do corredor cantábrico, asegurará a posibilidade de recarga á totalidade das frotas en Galicia con destino ao norte de España e Francia/Europa.

O director de Proxectos de Mobilidade de Naturgy, Alfonso del Río e o xerente da estación de servizo Vallibria, Adolfo Pérez Díaz, subscribiron esta mañá o contrato para a construción da primeira estación pública dual de gas natural licuado e comprimido (GNL/GNC) en Galicia. A gasineira estará situada na estación de servizo Vallibria en Martiñán (Vilalba, Lugo), na N-634, unha localización de gran valor estratéxico pola súa proximidade á autovía A-8, punto de partida do corredor cantábrico, asegurando a posibilidade de recarga á totalidade das frotas en Galicia con destino ao norte de España e Francia/Europa.

A estación dispoñerá dun tanque de 60 m3 de GNL, un surtidor de GNL e dous de GNC e permitirá a recarga de vehículos, tanto lixeiros coma pesados. A construción desta gasineira, prevista para o mes de outubro, dará competitividade ao sector do transporte galego e cubrirá con iniciativa privada a carencia de infraestruturas de GNL no corredor cantábrico, xa que a A-8 non está incluída nos proxectos de desenvolvemento de transporte europeo, proxectos que dispoñen de axudas para o fomento deste tipo de infraestruturas.

A posta en marcha desta nova estación de subministración de gas natural enmárcase no proxecto de fomento da mobilidade de Naturgy, cuxo obxectivo é potenciar a utilización do gas natural como combustible como a mellor alternativa sostible fronte aos combustibles fósiles derivados do petróleo e impulsar a rede de estacións en Galicia, xa que dará apoio ás estacións de GNC que a compañía ten en San Cibrao das Viñas (Ourense) e ás que están actualmente en construción en Santiago de Compostela e Vigo.

Unha alternativa real, sostible e económica como combustible para transporte

O gas natural vehicular (GNV) é hoxe unha alternativa real, sustentable e económica aos combustibles tradicionais para o transporte, tanto particular, coma de mercadorías e lixeiro. Calquera tipo de vehículo pode funcionar con gas natural: coches, furgonetas, autobuses, camións pesados e trens xa utilizan este combustible.

Os 18 millóns de vehículos de gas natural no mundo demostran a súa viabilidade técnica, polo que é a enerxía máis eficiente e sustentable, xa que conxuga en equilibrio importantes vantaxes económicas e ambientais, a través da redución de emisións e dunha menor contaminación acústica. Ademais, o GNL é a única alternativa ao gasóleo no transporte de longa distancia pola súa competitividade económica e para reducir as emisións contaminantes.

O gas natural para o transporte contribúe a mellorar a calidade do aire, xa que reduce en máis dun 85% as emisións de óxidos de nitróxeno e case o 100% de partículas sólidas, principais contaminantes que afectan a saúde. Pode xerar un 20% menos de emisións de CO2 que o diésel e, de utilizar biogás, o impacto medioambiental pode reducirse ata nun 100%.

Respecto á contaminación acústica, os vehículos que funcionan con gas natural producen un 50% menos de ruído e vibracións que un diésel. Este factor ten especial relevancia nas frotas que realizan traballos nocturnos, como son os camións de recollida de lixos.

Os vehículos que utilizan este combustible conseguen a etiqueta ECO da Dirección Xeral de Tráfico, o que lles permite beneficiarse de libre accesibilidade ao centro das cidades en períodos de alta contaminación, de incentivos fiscais e bonificacións en zonas de estacionamento regulado, entre outras vantaxes. Así, a creación da nova gasineira en Vilalba permitirá que o transporte con pasaxeiros se poida realizar en vías urbanas mediante un transporte ECO, grazas ao recente desenvolvemento dos primeiros autobuses interurbanos con GNL.

Ademais, a utilización de gas natural vehicular como carburante supón un importante aforro económico para os usuarios. Encher un depósito de gas natural é un 50% máis barato que recargar gasolina e un 30% máis económico que o diésel.

Imaxe
Compartir