Naturgy lanzou hoxe unha nova campaña dirixida a todos os públicos de interese co obxectivo de explicar o seu novo código visual para facer máis sinxela e áxil a comunicación cos seus clientes. A compañía enerxética simplifica así a comunicación cos consumidores e traslada os principais valores da marca: sinxeleza, innovación, experiencia e respecto á sociedade e á contorna.
“Esta campaña explica que Naturgy é unha nova compañía enerxética que se fixou como obxectivo ser máis próxima, sinxela e empática cos seus clientes. A enerxía nas súas diferentes formas é algo que forma parte da vida cotiá das persoas no seu fogar, no seu traballo, no seu teléfono móbil ou no seu vehículo. A nosa compañía ten que facerlles a vida máis doada aos clientes e ás súas familias durante este camiño que facemos xuntos. E cando falamos dos nosos clientes tamén nos referimos a aqueles que por algunha circunstancia —que nos pode suceder a calquera— o están a pasar mal e se encontran en situación de vulnerabilidade. Por iso, non é unha campaña que fale de nós, senón do que podemos facer nós polos nosos clientes”, explicou Jordi Garcia Tabernero, director xeral de Comunicación e Relacións Institucionais de Naturgy.
Novo código visual e campaña
O novo código visual, máis sinxelo, directo e baseado en hipérboles, impactará na imaxe, nos textos e todas aquelas propostas audiovisuais da compañía a partir de hoxe.
A campaña, dirixida aos grandes medios, inclúe un anuncio nas súas versións de 30 e 20 segundos, creado por animación, así como 10 pezas únicas e diferenciais, de 10 segundos cada unha, cuñas de radio e accións especiais. Todas as pezas da campaña xiran arredor daqueles asuntos que a compañía considera relevantes para o consumidor nos seus estudos de mercado, tales como a atención ao cliente, a vulnerabilidade enerxética, o respecto ao medio ambiente, a preocupación polo cambio climático e a calidade do aire. Cada unha das pezas que compoñen a campaña busca ofrecer respostas sobre as accións de Naturgy nestas cuestións.
A campaña terá unha especial presenza en formatos innovadores e de relevancia para o consumidor, tanto en medios convencionais coma en dixital. Así mesmo, a compañía ten previsto programar durante 2019 distintas accións para afondar nesta nova linguaxe cos clientes.