Naturgy sollicitaralles aos seus provedores medir a súa pegada de carbono nos procesos de contratación

  • A compañía inclúe este criterio de sostibilidade nas licitacións de compras con risco alto en cambio climático e importe a contratar superior a 500.000 euros.
  • A compañía enerxética quere, con esta iniciativa, reducir a pegada de carbono da súa cadea de subministración axudando os seus provedores a tomar medidas que lles permitan reducir as súas emisións.
  • Naturgy continúa avanzando na súa senda de descarbonización co foco posto no obxectivo net zero en 2050, aliñado co Acordo de París.

Naturgy solicitaralles nos seus procesos de licitación, dende este ano e de forma obrigatoria, a medición da pegada de carbono a todos os seus provedores con risco alto en cambio climático sempre que o importe do contrato supere os 500.000 euros. Nestes casos, máis dun centenar de provedores estarán obrigados á presentación dun certificado de pegada de carbono como requisito obrigatorio para ser avaliado como tecnicamente válido.

Para a implantación deste novo criterio de sostibilidade, Naturgy estableceu dúas fases. Nunha primeira, durante o pasado ano e de xeito voluntario, os provedores foron convidados a incluír como parte da súa oferta técnica un certificado no que unha entidade acreditada verificase a medición da súa pegada de carbono. Esta información podería ser valorada positivamente por Naturgy na decisión de adxudicación. A partir deste ano e para compras de máis de 500.000 euros cun determinado nivel de risco en cambio climático, a presentación deste certificado será obrigatoria.

Adicionalmente, dende xaneiro do pasado ano esíxese que determinados provedores, en función do seu risco de cambio climático ou polo importe do contrato polo que licitan, informen anualmente a compañía do seu grao de desempeño en materia climática a través do cumprimento do cuestionario CDP Supply Chain.

Con este novo paso na loita contra o cambio climático, a compañía enerxética pretende reducir a pegada de carbono da súa cadea de subministración e estender os seus compromisos sociais e ambientais a toda a cadea de valor. Ademais, a compañía contribuirá a que o ecosistema de PEME co que colabora implante os criterios Ambientais, Sociais e de Goberno (ASG) no seu modelo de xestión. Neste sentido, a compañía adheriuse ao “Programa de capacitación: Provedores sostibles” de Pacto Mundial da ONU España para capacitar en temas de sostibilidade a pemes provedoras das empresas impulsoras do programa.

Compromiso coa sostibilidade e aposta pola transición enerxética

O excelente servizo que lles proporciona Naturgy aos seus clientes non sería posible sen contar coa colaboración dunha cadea de subministración comprometida e aliñada cos seus valores e propósito. Durante 2022, Naturgy traballou con preto de 6.000 provedores e contratistas. Máis dun 80 % do volume de compra que presenta risco alto en aspectos ASG foi auditado e o obxectivo é acadar o 95 % en 2025.

Naturgy presentou en 2021 o seu novo Plan Estratéxico a 2025, co que a compañía impulsará o seu papel na transición enerxética e na descarbonización co ambicioso obxectivo de acadar a neutralidade de emisións en 2050 e unha potencia instalada de fontes renovables próxima ao 60 % en 2025.

No ámbito ambiental, a compañía reduciu de forma significativa as emisións totais de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI), un 16,5 % menos que en 2021, especialmente as emisións indirectas de alcance 3. Deste xeito, a pegada de carbono total da compañía reduciuse un 24 % respecto a 2017, adiantando así o obxectivo de redución establecido a 2025.

O desempeño da compañía en materia social, ambiental e de bo goberno foi recoñecido polos principais e máis importantes índices e clasificacións do mundo, entre os que se atopan CDP, FTSE4GOOD ou Ecovadis, así como os premios Global Energy Awards 2021, de S&P Global Platts, á mellor empresa de enerxía do mundo.

Compartir