A conselleira delegada de NEDGIA, Nuria Rodríguez, participou en Bruxelas nunha reunión co director xeral de Enerxía da Unión Europea, Dominique Ristori, xunto aos conselleiros delegados das principais compañías distribuidoras de gas de Europa, Italgas, Distrigaz Sud Retele, Galp Gás Natural Distribuiçao e GRDF, para discutir como o gas natural e o gas renovable poden contribuír á descarbonización da economía europea.
As empresas constitúen a asociación Gas Distributors for Sustainability (GD4S) que traballa para ter máis en conta as solucións técnicas innovadoras que ofrece o gas natural e as infraestruturas de distribución existentes co fin de alcanzar os compromisos europeos para a descarbonización da economía. A asociación aposta polo potencial do gas renovable como unha solución crible para o futuro do sistema enerxético e a súa descarbonización..
Os CEO de GD4S eloxiaron a estratexia de redución de emisións a longo prazo da UE e recordaron que, para garantir o equilibrio e a resiliencia, a combinación enerxética do futuro deberá basearse nun mix enerxético que inclúa o gas.
De feito, as infraestruturas e as redes de distribución existentes teñen algunhas vantaxes fundamentais neste sentido:
- A capacidade de almacenar unha gran cantidade de enerxía renovable e devolvela en función dos picos de demanda diarios ou estacionais.
- A existencia de dous millóns de quilómetros de infraestruturas de rede gasista, eficiente e lista para ser utilizada, e coa capacidade de conectar produtores e clientes locais de enerxía renovable en toda Europa.
As redes de distribución de gas son, polo tanto, un patrimonio único europeo que xa está totalmente dispoñible e que, grazas ao aumento progresivo da dispoñibilidade de gas renovable, pode ser útil para facilitar o proceso de descarbonización da economía europea.
Neste contexto, o GD4S pide á Comisión Europea que coloque o gas no centro da súa estratexia, xunto coa electricidade, para combinar efectivamente os seus beneficios.
Ao recordar o apoio xa expresado á UE para o logro dos obxectivos de clima e eficiencia enerxética, os membros de GD4S destacaron que o gas é unha solución eficiente e alcanzable como enerxía de transición, especialmente en rexións economicamente desfavorecidas, e que é tamén unha forma de promover a economía circular.
Creación dunha rede enerxética sostible, descentralizada e dixitalizada.
En relación coa revisión da directiva sobre o mercado interno do gas que se espera para 2020, os CEO realizaron algunhas peticións clave para permitir que os operadores de sistemas de distribución participen na construción dunha rede de infraestruturas máis sostible, descentralizada e dixitalizada.
En concreto, destacaron a necesidade de:
- Crear un organismo específico da UE que represente os distribuidores de gas natural, para garantir unha consideración xusta dos sectores do gas e da electricidade na construción do sistema de normas europeas, e que traballe en estreita colaboración co organismo específico de distribuidores de electricidade en temas como a seguridade informática e o acoplamento sectorial de ambas as dúas enerxías.
- Establecer uns obxectivos de gas renovable a 2030, vinculantes para a UE e indicativos para os Estados membros, asociados con outros obxectivos específicos para o uso en calefacción, refrixeración e transporte, con vistas a acelerar o seu desenvolvemento e o proceso de transformación da rede de gas nunha rede máis sostible.
Gas Distributors 4 Sustainability
GD4S representa os actores máis importantes do sector da distribución de gas en Europa, que dan servizo a uns 25 millóns de clientes e representan aproximadamente o 20% dos consumidores europeos de gas natural. Un dos seus obxectivos é compartir enfoques e experiencias de mellores prácticas en cada un dos seus respectivos mercados, co obxectivo de mellorar a calidade dos servizos prestados aos consumidores.
NEDGIA
NEDGIA, filial distribuidora de gas do grupo Naturgy, é a compañía líder na actividade de distribución de gas natural en España. A empresa subministra gas natural ao 70% dos consumidores do país: supera os 5,4 millóns de puntos de subministración e conta con case 53.400 quilómetros de redes en preto de 1.150 municipios españois.