O Consello de administración de Gas Natural Fenosa nomea presidente executivo a Francisco Reynés

  • Os accionistas de Gas Natural Fenosa, liderados por Isidro Fainé, acordan, por unanimidade, cambios na compañía para acometer unha nova etapa de transformación.
  • Francisco Reynés será o encargado de impulsar o novo Plan Estratéxico.
  • Rafael Villaseca continuará vinculado ao Grupo como presidente da Fundación Gas Natural Fenosa.
From left to right, Isidro Fainé, Francisco Reynés, and Rafael Villaseca.
De esquerda a dereita, Isidro Fainé, Francisco Reynés y Rafael Villaseca.

O Consello de administración, reunido hoxe en sesión ordinaria, acordou, por unanimidade, nomear a Francisco Reynés Massanet novo presidente executivo de Gas Natural Fenosa, co obxectivo de liderar unha nova etapa de transformación e crecemento da compañía.

Así mesmo, acordouse o nomeamento de Isidro Fainé Casas como presidente de honra, garantindo así a continuidade nos valores de xestión da empresa nestes momentos nos que se enfronta a importantes retos.

Esta decisión enmárcase dentro do contexto de evolución dos modelos de negocio do sector enerxético a ámbito global, que afectan especialmente aos sectores tecnolóxico, regulatorio e dos mercados de capital.

Isidro Fainé felicitou e expresou o seu apoio e respaldo ao novo presidente executivo: “É dende a xenerosidade que afronto esta nova etapa profesional, e dou a benvida ao equipo liderado por Francisco Reynés, porque creo que necesariamente deben ser eles os que impulsen o novo Plan Estratéxico que conduza á compañía pola senda da súa transformación e crecemento.” E engadiu: “Reynés ten visión, perspectiva, sentido de anticipación e prestixio nos mercados financeiros. Tamén é un directivo que sabe asumir adecuadamente riscos, é un bo comunicador e íntegro na súa vida profesional e persoal”.

Como presidente de Gas Natural Fenosa, dende setembro de 2016, Isidro Fainé liderou unha etapa de transición da compañía, na que a través de diversas operacións se sentaron as bases para o seu desenvolvemento e crecemento futuro.

A primeira destas operacións foi a entrada do fondo de investimento GIP no conxunto de accionistas da compañía, tras a adquisición dun 20%, a partes iguais, a Repsol e la Caixa. Os mercados consideraron o apoio de GIP como un recoñecemento á traxectoria da compañía e ao seu sólido modelo de negocio. Neste sentido, cómpre salientar que en 2017 a compañía tivo o mellor comportamento bolsista do sector en España, cun crecemento da súa capitalización do 7,5%.

Na actividade de distribución de gas en España tivo lugar, en agosto de 2017, unha importante operación corporativa coa venda dun 20% deste negocio. A operación acordouse, por un importe de 1.500 millóns de euros en efectivo, cun consorcio formado por Allianz Capital Partners (ACP) e Canada Pension Plan Investment Board (CPPIB), dous investidores a longo prazo e de recoñecido prestixio no sector das infraestruturas. GAS NATURAL FENOSA continuará xestionando e consolidando a nova compañía do grupo que realiza esta actividade, e que dende o mes de xaneiro de 2018 pasou a chamarse Nedgia.

No exercicio 2017 tamén se acordaron dúas importantes operacións de desinvestimento en Italia e en Colombia. Estas dúas vendas son froito da revisión de activos prevista no Plan Estratéxico actual, para optimizar a carteira de negocios en xeografías consideradas non estratéxicas e co fin de achegar valor aos accionistas.

A venda dos activos de Italia, que supoñen a saída efectiva do país, acordouse coas compañías 2i Rete Gas, S.p.A. e Edison, S.p.A., por un importe total de 1.020 millóns de euros.

En Colombia, a compañía acordou a venda da súa participación do 59,1% en GAS NATURAL S.A. ESP, dedicada á distribución e comercialización retallista de gas. A operación acordouse co fondo canadense Brookfield, por un importe de 483 millóns de euros.

Por outra banda, durante o mandato de Isidro Fainé, a compañía continuou coa expansión da súa actividade en América latina. En México, obtivéronse dúas novas concesións nos estados de Campeche e Yucatán, ao sueste do país. Estas novas zonas súmanse a rexións como Sonora, Sinaloa, México D.F. ou Baixío Norte e Baixío Sur, onde a compañía conta cun mercado potencial de gas de máis de 8 millóns de persoas. E, en Perú, este mesmo ano, iniciouse a subministración de gas natural a clientes das catro principais cidades.

Finalmente, no ámbito máis social, a Fundación Gas Natural Fenosa potenciou ao longo do ano 2017 a súa liña de actuación de Enerxía e Sociedade, centrada especialmente nos colectivos vulnerables. A fundación dedicou un inxente esforzo para poñer en marcha diferentes iniciativas no marco dun ambicioso Plan de Vulnerabilidade Enerxética, desenvolvido conxuntamente coa compañía, e traballou principalmente en tres iniciativas: acordos con entidades do terceiro sector, a Escola da Enerxía e un programa de voluntariado enerxético para os empregados da compañía.

Vinculación histórica de Isidro Fainé con Gas Natural Fenosa

Pero a vinculación de Isidro Fainé coa compañía remóntase ao ano 1992, cando foi nomeado conselleiro da sociedade. Naquela época xa participou activamente na creación de Gas Natural SDG, froito do proceso de integración do sector da distribución de gas en España, a través da fusión de Catalana de Gas, Gas Madrid e os activos de gas canalizado de Repsol Butano. Esta histórica fusión supuxo a aparición da nova marca Gas Natural e a xa coñecida bolboreta que forma parte do seu logotipo e que no seu momento foi unha innovación vangardista nos logos das empresas enerxéticas de todo o mundo.

Tamén dende o Consello da compañía tivo un papel decisivo, en decembro de 1992, relevante no inicio da expansión internacional de Gas Natural, coa creación de Gas Natural BAN en Arxentina, tras gañar o concurso de privatización da empresa pública de distribución para a zona de Bos Aires Norte, así como posteriormente nos procesos de adquisición de diversas distribuidoras de gas en Brasil, Colombia e México.

Foi tamén durante este período cando se produciu a entrada en servizo do Gasoduto Magreb-Europa en 1996, e a reorganización das actividades da empresa para adaptarse ao novo marco de crecente liberalización tras a aprobación, en 1998, da Lei de hidrocarburos.

Máis tarde, xa no ano 2000, tamén participou no que foi o inicio da comercialización de electricidade no mercado liberalizado español e, no 2002, nos comezos da xeración eléctrica con ciclos combinados, coa posta en marcha en San Roque (Cádiz) dun grupo xerador de 400 MW, o primeiro en operación en España, e outro de 400 MW en Sant Adrià del Besós (Barcelona).

Fainé estivo presente tamén na decisión de adquirir no ano 2003 a empresa EcoEléctrica, en Porto Rico, e na compra da empresa de enerxías renovables DERSA, paso estratéxico que converteu a Gas Natural nun dos principais operadores de enerxía eólica de España.

Xa dende fóra do Consello de administración, pero dende a súa posición como presidente do Grupo “la Caixa”, principal accionista de Gas Natural, Isidro Fainé apostou pola integración da compañía con Unión Fenosa en 2008, nun momento en que non todo o mundo cría nela. O mercado avalou amplamente a operación con crecementos da cotización da nova compañía por enriba da media europea. Tras a fusión Gas Natural Fenosa converteuse na empresa europea do sector con mellor rendibilidade para o accionista, cun 7,4% acumulativo no período 2010-2017.

Francisco Reynés liderará o novo Plan Estratéxico

O novo presidente executivo, que recibiu o encargo do Consello de administración de liderar a elaboración do novo Plan Estratéxico da compañía, manifestou: “É un reto apaixonante asumir a presidencia executiva de Gas Natural Fenosa, unha empresa á que me sinto especialmente vinculado por pasar xa un período moi feliz da miña vida profesional, nun momento en que o sector enerxético vive cambios importantes no sector tecnolóxico e regulatorio a ámbito mundial”.

O ata agora vicepresidente e conselleiro delegado de Abertis, e que colabora profesionalmente de forma directa con Isidro Fainé dende hai máis de 10 anos, desempeñara o cargo de director xeral de Recursos de Gas Natural Fenosa no 2006.

Reynés é enxeñeiro industrial de profesión, especializado en Enxeñaría Mecánica pola Universitat de Barcelona. Conta cun MBA (Master in Business Administration) polo IESE e cursou programas de alta dirección en EUA e Alemaña.

No ano 2007 foi director xeral de Criteria Caixa Corp, o hólding empresarial de “la Caixa”. Dende esta posición levou a cabo o proceso de saída a bolsa da compañía en outubro do mesmo ano. Do 2002 ao 2006 foi conselleiro delegado da cementeira Uniland. Anteriormente, formou parte do Consello de administración de Aguas de Barcelona, Segur CaixaHolding, Adeslas e Port Aventura.

Rafael Villaseca, presidente da Fundación Gas Natural Fenosa

O Consello de administración manifestou unanimemente o seu agradecemento e felicitación a Rafael Villaseca pola xestión realizada como conselleiro delegado da compañía dende o ano 2004, e ratificou o seu nomeamento como presidente da Fundación Gas Natural Fenosa.

Isidro Fainé quixo “destacar o traballo positivo e proveitoso realizado por Villaseca durante toda a súa etapa de conselleiro delegado e especialmente a estreita e franca colaboración comigo no meu tempo como presidente”.

Dende o 2004 ata a data, período que exerceu como conselleiro delegado, Rafael Villaseca liderou algúns dos feitos relevantes que marcaron o crecemento e o definitivo arranque internacional da compañía, que pasou de ser unha empresa eminentemente gasista a converterse nun gran grupo enerxético multinacional.

Neste período, a facturación de GNF cuadriplicouse, multiplicou os seus clientes por 2,3 superando os 18 millóns, e incrementou a súa internacionalización triplicando o número de países onde opera dobrando o seu beneficio neto. A compañía mantivo un plan de crecemento estable dende 2004 que lle permitiu consolidar a súa posición en Europa, co inicio da comercialización en Francia, Bélxica e Luxemburgo; abrir o mercado de GNL en Asia e asinar o primeiro contrato de aprovisionamento de gas natural licuado con Estados Unidos.

Entre os feitos salientables do mandato de Rafael Villaseca tamén cómpre resaltar a creación en 2014 da empresa Global Power Generation (GPG), para impulsar o negocio de xeración fóra de España, xunto co Kuwait Investment Authority (KIA). Tamén en 2014, Gas Natural Fenosa pechou con éxito a compra da chilena Compañía General de Electricidad (CGE) para converterse nun operador de referencia en Chile e consolidar a súa presenza en sete das principais capitais latinoamericanas.

Compartir