O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa inaugura ‘This is not an exit’ da parella artística Muntean/Rosenblum

  • Despois de expoñer nalgunhas das salas máis prestixiosas do mundo, como a Tate Britain de Londres ou o MoMa de Nova York, Markus Muntean e Adi Rosenblum chegan ao MAC na Coruña co seu novo proxecto que traerá o mundo do parkour ás instalacións do Museo.
  • A mostra, que estará aberta ao público ata o próximo 16 de setembro, presenta unha selección de máis de 30 obras, algunhas das máis recentes do binomio artístico austríaco-israelí.

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) inaugura hoxe a exposición This Is Not An Exit (Isto non é unha saída), a nova proposta expositiva da parella artística Muntean/Rosenblum, formada polo austríaco Markus Muntean e a israelí Adi Rosenblum.

O MAC presentará, ata o próximo 16 de setembro, as obras máis recentes da parella artística, entre as que se encontran dúas series novas: a primeira, Self(ie) Series, componse de diferentes retratos feitos a partir de selfies dos protagonistas, e confronta conceptualmente dúas actitudes distintas. A segunda serie utiliza imaxes extraídas de vídeos que teñen máis de cen mil visitas en Youtube, coñecidos como Viral Vídeos.

O título da exposición, This is not an exit, provén da última frase da novela de Brest Easton Ellis, American Psycho (1991), e alude ao propósito do corredor de parkour —unha práctica deportiva que consiste en desprazarse, superando obstáculos, polo medio urbano ou natural— de achar un camiño. Muntean/Rosenblum ven no parkour un equivalente ao traballo dos artistas contemporáneos, que tamén imaxinan solucións para atravesar e superar contextos determinados, reflexionar e tomar decisións.

Markus Muntean (Graz, Austria, 1962) e Adi Rosenblum (Haifa, Israel, 1962) forman parella artística dende 1992. Viven e traballan entre Viena, Londres e Tel Aviv. En 1995 fundaron Bricks & Kicks, un dos primeiros espazos expositivos rexentados por artistas en Viena, que funcionou ata 1998. Muntean/Rosenblum son recoñecidos internacionalmente por unha obra de natureza conceptual que mestura referencias á historia da arte con outras á cultura popular. No ano 2001, o binomio artístico recibiu o prestixioso Premio Cidade de Viena de Artes Visuais.

Despois de expoñer nalgunhas das salas máis prestixiosas do mundo, como a Tate Britain de Londres ou o MoMa (Museum of Modern Art) de Nova York, Markus Muntean e Adi Rosenblum chegan ao MAC na Coruña co seu novo proxecto que enfronta razón e imaxinación: considera as cousas dunha forma lóxica e equilibrada, mentres que as contrapón a un presente caótico e doloroso.

Segundo explica a directora do MAC, Carmen Fernández Rivera, “estes artistas, que desenvolveron un estilo único cunha única sinatura, representan os personaxes das súas obras que buscan a ambigüidade entre a banalidade absoluta e o pathos espiritual, apropiándose dunha linguaxe clásica.”

This is not an exit, o parkour chega ao Museo

A pintura constitúe un dos aspectos centrais do traballo de Muntean/Rosenblum, pero a súa práctica é máis complexa, incluíndo grandes instalacións con elementos escultóricos, onde suceden performances e se proxectan películas, ademais de realizar tamén debuxos, colaxes con textos, ou fotografías. As súas pinturas presentan maioritariamente grupos de personaxes novos en situacións ociosas e aparentemente aburridos ou melancólicos, que oscilan entre o cotián e familiar, e o misterioso e ambiguo. Estas situacións suceden en cuartos, espazos públicos ou paisaxes. As posturas que adoptan os seus personaxes proveñen tanto de revistas de moda coma da historia da pintura europea, do Renacemento ao século XIX, polo que a súa aparencia final, ao presentar situacións en transcurso e non finalizadas, é teatral, como o fotograma dunha película.

As súas pinturas están enmarcadas por bordos brancos coma se fosen as viñetas dun cómic e, na parte inferior, e de novo outorgándolle tamén un aire de cómic ao incorporar textos, sitúan frases non relacionadas directamente coa escena que acompañan, suxerindo novos niveis de significación. Estas frases ou aforismos foron extraídas de libros de autores prestixiosos, e das que posúen un grande arquivo. Isto, ademais de subliñar, tamén literalmente, que a imaxe debe lerse ou interpretarse, fai que o representado non sexa xerarquicamente o máis importante da obra, ao igual que o é, que esta se presente, ás veces, no contexto de instalacións específicas.

As pinturas de Muntean/Rosenblum non ostentan título, aínda que levan entre paréntese o principio das frases que incorporan, o que suxire ser unha mera forma de identificación. Esta carencia de títulos máis explicativos subliña de novo a ambigüidade perseguida. Por outra parte, hai pinturas en cor, non de todo naturalistas, e outras en branco e negro. Isto, ademais dunha nova referencia ao cine e á fotografía, outorga ás imaxes, dada a súa artificialidade, unha ambigüidade temporal.

A obra de Muntean/Rosenblum constitúe unha sorte de ciencia da imaxe allea a simplificacións historiográficas, formalistas ou iconolóxicas. Preocúpanse máis polo sentido das cousas, considerando o poder das imaxes, e como estas se transforman ao longo do tempo para constituír de forma labiríntica unha sorte de memoria colectiva. Muntean/Rosenblum consideran as cousas dunha forma racional e equilibrada, pero compaxinan esa actitude cunha identificación completa co presente que pode ser caótica e dolorosa, tensando así razón e imaxinación. Esta tensión, que dá á súa obra unha característica de irresolución, e malestar mesmo, é o que as fai tan atractivas e estimulantes.

Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC)

O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) é un centro multidisciplinar de cultura contemporánea, un espazo dinámico, flexible e aberto, que combina a actividade expositiva coa integración e participación cidadá, co fin de estimular a creación artística dentro de todos os ámbitos culturais.

Ao longo dos anos, o MAC consolidouse non só como sede expositiva, senón tamén como un lugar de encontro para artistas, afeccionados e público, ademais de ofrecer un amplo programa de actividades culturais, educativas, sociais e artísticas que inclúen exposicións temporais, ciclos de conferencias, talleres para escolares e para profesionais.

A Fundación Gas Natural Fenosa reorientou a súa actividade cara a temas máis sociais e, por iso, a empresa agrupou todas as actividades culturais e integrounas na entidade. Así, o Museo de Arte Contemporánea pasa a formar parte da Fundación Gas Natural Fenosa, que xa conta co Museo do Gas, en Sabadell, e o Museo da Central Hidroeléctrica de Bolarque, en Guadalaxara.

Compartir