Tres centros educativos de secundaria de Aragón e A Rioxa álzanse cos premios Efigy da Fundación Naturgy

  • O conselleiro de Educación e Investigación da Comunidade de Madrid e a directora xeral da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, xunto á directora xeral da Fundación Naturgy, entregaron hoxe os recoñecementos.
  • Os proxectos gañadores están dedicados ao aforro enerxético, a reciclaxe de residuos de café, un sistema piezoeléctrico e o medio ambiente atmosférico.
  • Ademais dos catro premiados, o xurado decidiu entregar dúas mencións especiais.
  • 59 estudantes de secundaria de 15 centros educativos españois chegaron á final desta iniciativa, coa que a Fundación Naturgy busca fomentar as vocacións tecnolóxicas dende idades temperás e promover os valores da eficiencia enerxética.

Os centros educativos Luis Buñuel e Reyes Católicos (Zaragoza), e San Agustín (Calahorra) foron hoxe recoñecidos polos seus proxectos de mellora de eficiencia enerxética traballados ao longo do curso na aula. O IES María de Molina (Madrid) e o colexio La Anunciata (Zaragoza) recibiron senllas mencións especiais do xurado. A entrega dos premios realizouse hoxe en Madrid, no marco do I Congreso Tecnolóxico Efigy da Fundación Naturgy, nunha xornada educativa que contou coa asistencia de máis de 270 persoas.

Esta iniciativa educativa da Fundación Naturgy, lanzada o pasado mes de xaneiro, ten como obxectivo motivar e xerar conciencia e interese pola enerxía, reforzando a capacidade de investigación da xuventude, espertando a súa curiosidade e a súa creatividade, así como facilitar o traballo en equipo e as habilidades comunicativas.

O IES San Agustín da Rioxa foi o distinguido dobremente como o proxecto ‘Máis innovador’ por ‘Coffee Energy’, así como o ‘Mellor comunicado’ por ‘Piezostep’. O plan ‘Máis realizable’ foi para ‘Estudo do consumo e aforro de recursos e enerxía’, do IES Luis Buñuel, de Zaragoza. O recoñecemento ao ‘Centro educativo máis implicado’ foi para o IES Reyes Católicos de Zaragoza.

O proxecto ‘actúa e reduce a túa pegada’, do IES María de Molina (Madrid) e ‘A enerxía que nos move’, do colexio La Anunciata (Zaragoza) foron recoñecidos con mencións especiais do xurado.

Tras a defensa esta mañá dos 15 proxectos finalistas por parte dos grupos de estudantes, a selección dos premiados nestas catro categorías realizouna un xurado de expertos, formado pola directora xeral de FECYT, Paloma Domingo, a responsable de Medio Ambiente e Sostibilidade de Naturgy, Nieves Cifuentes, e a coordinadora do Plan STEMadrid da Consellaría de Educación e Investigación da Comunidade de Madrid, Silvia Pérez-Cuadrado.

María Eugenia Coronado, directora xeral da Fundación Naturgy, exhortou os estudantes “a ser partícipes dun consumo eficiente e responsable, e a apaixonarse por todo aquilo que está relacionado coa enerxía, a tecnoloxía e o medio ambiente, porque moitas das profesións do futuro van pasar por este sector clave que inflúe na vida das persoas e na do noso planeta”.

Pola súa banda, Rafael van Grieken, conselleiro de Educación e Investigación da Comunidade de Madrid, destacou o caso de éxito do Plan STEMadrid, que precisamente “entronca con esta iniciativa da Fundación Naturgy para promover as vocacións científicas. A tecnoloxía vai afectar calquera profesión do futuro”. De Efigy, o conselleiro da Comunidade de Madrid, salientou o ensino da eficiencia enerxética, a sensibilización á hora de preservar o planeta e a comunicación dos proxectos que realizaron os alumnos de secundaria.

O proxecto Efigy da Fundación Naturgy conta co aval da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Precisamente, a súa directora xeral, Paloma Domingo, puxo en valor as iniciativas que promoven as vocacións científicas e tecnolóxicas. O interese de FECYT neste proxecto baséase en que fomenta vocacións tecnolóxicas dende idades temperás e implica aos centros educativos e ao profesorado, que é precisamente un dos obxectivos da FECYT”, afirmou Domingo, que asegurou que “é fundamental traballar coa comunidade educativa para apoiar, dende a educación informal, o labor da escola e a formación do profesorado.”

Coronado, van Grieken e Domingo encargáronse de entregar os premios aos gañadores, xunto a Eva Buch, directora de Educación, Divulgación e Patrimonio da Fundación Naturgy.

O broche final da xornada púxoo Luis de Quevedo, director e presentador de programas de divulgación científica en televisión, cunha charla inspiradora para que os alumnos de secundaria alí reunidos coñezan mellor e poidan valorar unha posible dedicación ás competencias STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).

Primeira edición do Certame Tecnolóxico de carácter nacional da Fundación Naturgy

A Fundación Naturgy lanzou esta nova iniciativa educativa o pasado mes de xaneiro, dirixida a alumnos de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria (ESO) de todo o territorio español.

Nesta edición, aos alumnos propúxoselles buscar solucións reais para contribuír á mellora do planeta sobre a base das seguintes temáticas: ciencia e tecnoloxía vinculada á enerxía, eficiencia enerxética, mix enerxético e fontes de enerxía, sostibilidade e calidade do aire.

Un total de 59 grupos de estudantes de 15 escolas de España foron os seleccionados para participar nesta primeira edición de Efigy. Durante estes meses de campionato, os alumnos e os seus titores contaron co asesoramento de educadores especializados da Fundación Naturgy e material educativo para progresar coas investigacións a concurso.

A Fundación Naturgy e o seu papel formativo

O Certame Tecnolóxico Efigy forma parte do catálogo de propostas educativas e divulgativas coas que a Fundación Naturgy ten como obxectivo transmitir valores sobre o cambio de modelo enerxético, a preservación do medio ambiente e o consumo responsable da enerxía.

Con esta nova iniciativa, a fundación da compañía enerxética pretende afondar no seu papel formativo e de difusión de coñecementos, unha das súas principais liñas de actuación.

Dende a súa posta en marcha en 2012, case 700.000 nenos e mozos participaron nestas iniciativas educativas dirixidas a escolares de todos os niveis, entre as que salientan os recursos educativos online e presenciais para a aula, o Programa de Aprendizaxe-Servizo (APS) ou as experiencias itinerantes.

A Fundación Naturgy, fundada en 1992 pola compañía enerxética, tamén desenvolve programas de acción social, tanto no ámbito nacional como internacional, incidindo especialmente en actuacións destinadas a paliar a vulnerabilidade enerxética.

Imaxe
Compartir