UFD, filial de distribución eléctrica de Naturgy, aliouse coa empresa start up navarra FuVeX, desenvolvedora dunha aeronave con deseño patentado, para facer posible a inspección das súas liñas eléctricas con maior eficiencia e eliminando riscos de seguridade para os operarios.
Os traballos de desenvolvemento da idea comezaron en outono de 2018 coa análise detallada da operación en canto á seguridade e o cumprimento da normativa vixente e, tras varias adaptacións técnicas e probas, UFD realizou con éxito o primeiro voo non tripulado máis alá da liña visual sobre unha liña eléctrica en España, en concreto desenvolveuse en Huete, provincia de Cuenca.
UFD está a impulsar o uso de drons de longo alcance con control fóra do alcance visual na inspección das súas liñas eléctricas. O obxectivo é mellorar a produtividade destes recoñecementos cun dron que está a medio camiño entre un helicóptero e un dron tradicional, e que combina unha maior autonomía cun menor custo. Trátase do primeiro voo destas características que se realiza en España, o que sitúa a UFD como empresa de vangarda nestas operacións.
Raúl Suárez, director de UFD, sinala que “a nosa compañía é sinónimo de innovación aberta e temos de xeito permanente o foco posto no talento interno e en xerar interseccións de coñecemento co talento externo, vemos así o mellor xeito de xerar e desenvolver novas ideas e produtos que acheguen un valor diferencial no mercado, como acontece con este proxecto de inspección de liñas eléctricas a longa distancia con aeronaves máis alá da liña visual, que nos coloca na vangarda nesta materia en España e en Europa”.
A start-up FuVeX deseñou un dron híbrido avión/multirrotor cun deseño patentado doado de operar, grazas á súa engalaxe/aterraxe vertical dende calquera superficie plana e o seu cruceiro modo avión, con ata cinco veces máis rango que helicópteros e multirrotores. A aeronave incorpora os sistemas para voar de forma segura, legal e coordinada con espazo aéreo.
Proxecto tractor da industria nacional
Actualmente as liñas eléctricas son revisadas por drons que voan na liña visual, é dicir, a un máximo de 500 metros do piloto. O acordo de UFD con FuVeX subscríbese dentro do marco normativo actual, e anticípase, ademais, á normativa europea na categoría de BVLOS (Beyond Visual Line of Sight), isto é, “máis alá do alcance visual”. O obxectivo de UFD e FuVeX é levar os drons ao seu seguinte paso industrial: os voos a longa distancia, co obxectivo de ser a primeira empresa en operar de forma industrial drons de longo alcance BVLOS en liñas eléctricas en 2020 en Europa.
Colaboración público-privada
O primeiro voo de proba foi posible tamén grazas á colaboración e coordinación coa Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) que se encarga da supervisión de operacións con drons de ata 150 kg, e con ENAIRE, xestor de navegación aérea e de información aeronáutica de España, cuarto en Europa por volume de tráfico e un dos máis importantes a nivel mundial.
UFD en España
A distribuidora eléctrica de Naturgy é o terceiro operador español con presenza en Galicia, onde é o maior distribuidor de electricidade, a comunidade de Madrid, Castela-A Mancha e Castela e León. Actualmente dá servizo a máis de 3,7 millóns de puntos de subministración a través dunha rede de 113 000 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión.
UFD fixo un importante esforzo nos últimos anos en innovación e aplicación de novas tecnoloxías para avanzar na telemedida e telexestión dos puntos de subministración, no telecontrol e sensorización das redes, así como no robustecemento das infraestruturas e integración das redes de comunicación e sistemas de información coa rede convencional para optimizar a súa explotación.
Grazas a estes esforzos, a distribuidora eléctrica de Naturgy mellorou a súa calidade de subministración eléctrica un 22 % situándose en 2018 en 39,8 minutos de TIEPI o que sitúa a UFD como un líder europeo en calidade de subministración.