Gas Natural Fenosa e Baleària asinan o primeiro contrato de bunkering permanente de GNL para propulsión de buques en España

  • A compañía enerxética e a navieira acordan un contrato de subministración en exclusiva para 10 anos. GAS NATURAL FENOSA subministrará nos portos que opera Baleària.
  • Trátase do primeiro contrato de subministración de bunkering permanente e multisistema para a propulsión de buques con Gas Natural Licuado (GNL) que se asina en España.
  • Ambas as dúas compañías colaboran noutros proxectos innovadores e pioneiros en España para a posta en marcha de solucións orientadas á mellora da calidade do aire nos ámbitos portuarios e marítimos.
The Wholesale Iberian Marketing Manager of GAS NATURAL FENOSA, Joaquín Mendiluce, and the president of Baleària, Adolfo Utor.
O director de Comercialización Almacenista Ibérica de GAS NATURAL FENOSA, Joaquín Mendiluce, e Adolfo Utor, presidente de Baleària.

GAS NATURAL FENOSA e Baleària asinaron hoxe o primeiro contrato de subministración de bunkering de Gas Natural Licuado (GNL) para a propulsión de buques en España. O acordo de subministración será en exclusiva para 10 anos e inicialmente realizarase nos portos de Barcelona, Valencia e Alxeciras, e ampliarase a todos os portos peninsulares nos que opera a navieira, así como a toda a nova frota propulsada por este combustible que incorpore, dentro da súa aposta polo GNL como combustible ecolóxico.

O presidente de Baleària, Adolfo Utor, e o director de Comercialización Almacenista Ibérica de GAS NATURAL FENOSA, Joaquín Mendiluce, asinaron esta mañá o acordo na Feira Internacional do Turismo (Fitur) en Madrid. O contrato entre a compañía enerxética e Baleària é o primeiro de bunkering permanente e multisistema para a propulsión de buques de GNL que se asina na Península Ibérica.

No caso do contrato asinado hoxe, e para levar a cabo a subministración en Barcelona, a compañía enerxética dispoñerá dun buque dedicado ao bunkering de GNL no Port de Barcelona. No caso dos portos de Valencia e Alxeciras, ambas as dúas compañías traballan xa para desenvolver unha solución terrestre.

“Na nosa aposta polo GNL, o acordo con GAS NATURAL FENOSA supón unha alianza estratéxica. Actualmente estamos a construír os dous primeiros buques propulsados por esta enerxía limpa que operarán no Mediterráneo. Está previsto que a principios do ano que vén empece a operar o primeiro, o que nos converte en pioneiros no uso de GNL. Apostamos polas enerxías limpas porque estamos convencidos de que se pode loitar contra o cambio climático e á vez ser competitivos”, sinalou Adolfo Utor, presidente de Baleària.

“Dende Gas Natural Fenosa traballamos para ofrecer solucións que permitan o desenvolvemento sustentable do transporte marítimo de forma rendible. O acordo que alcanzamos con Baleària así o corrobora, xa que deseñamos unha solución técnica diferente para cada un dos portos nos que imos realizar a subministración de gas. Grazas ao traballo en equipo entre Gas Natural Fenosa e Baleària, conseguimos identificar as solucións que permiten lograr unha mellora moi importante na calidade do aire e cuns custos competitivos”, explicou Mendiluce.

Un paso máis dunha colaboración innovadora

GAS NATURAL FENOSA e Baleària colaboran dende hai varios anos no desenvolvemento de solucións innovadoras que contribúan á mellora do medio ambiente nos ámbitos portuarios e marítimos.

O ano pasado ambas as dúas empresas culminaron con éxito un proxecto pioneiro en España: dende hai uns meses o Abel Matutes é o primeiro transbordador en operar cun motor auxiliar a GNL, subministrado por GAS NATURA FENOSA. O bunkering de gas natural licuado para este transbordador foi a primeira operación destas características que se realizou no Port de Barcelona. Este proxecto permite reducir as emisións e mellorar a calidade do aire.

O gas natural, clave para descarbonizar o transporte marítimo

O transporte é un dos sectores clave para mitigar o quentamento global, xa que é un dos que máis contaminan e un grande emisor de CO2. Neste sentido, o gas natural vehicular (GNV), tanto no seu uso como gas natural comprimido (GNC) para o transporte lixeiro, como o seu emprego como gas natural licuado (GNL) para barcos e transporte pesado, está chamado a ser o combustible do futuro no transporte debido ás súas múltiples vantaxes.

Do mesmo xeito que acontece co transporte por estrada, o GNV, na súa modalidade licuada ou GNL, é tamén un combustible con gran potencial para descarbonizar o transporte marítimo, posto que a gran maioría das embarcacións funcionan actualmente con produtos derivados do petróleo. O uso do GNL como combustible marítimo ten vantaxes para a contorna: consegue reducir o ruído ambiente nun 50%, as emisións de CO2 nun 25% e as de NOx e SOx en máis do 80%.

Adicionalmente aos máis de 119 barcos que funcionan actualmente con gas natural como combustible, existe unha carteira de pedidos de 125 novos ata 2025. A frota mundial propulsada por GNL aumenta a un ritmo de entre un 15 e un 25% anual, polo que, se a tendencia segue a mesma liña, en 2025 podería existir unha frota mundial de 300 e 600 buques. Estímase que en 2035 o 22% do consumo total de bunkering será de GNL.

Líder en subministración de GNL a cliente final

No último ano, GAS NATURAL FENOSA desenvolveu unha intensa actividade comercial a ámbito europeo para promover o uso do gas natural como combustible de propulsión marítima, consciente das vantaxes medioambientais que esta enerxía reporta ás contornas urbanas e marítimas.

A comercialización de gas natural licuado en small scale, e mobilidade terrestre e marítima é unha das actividades estratéxicas da compañía enerxética que, actualmente, subministra máis de 6 TWh anuais de GNL a cliente final na Península Ibérica, o que converte a GAS NATURAL FENOSA en líder deste mercado.

Sobre Baleària

Baleària é a navieira líder no transporte de pasaxe e carga nas conexións con Baleares; une Ceuta e Melilla coa Península e ten presenza en cinco países. A compañía é un referente de servizo, innovación e responsabilidade social no sector do transporte marítimo español. En 2016, a navieira transportou máis de 3.500.000 pasaxeiros e 5.000.000 de metros lineais de carga nas 18 liñas que opera. Ademais, Baleària é unha navieira pioneira no uso do gas natural licuado a ámbito mundial, xa que ten funcionando o primeiro motor auxiliar en gas para un transbordador de pasaxe e encargou a construción de dous smart ships propulsados por gas natural.

Compartir